Domingo, 4 Maio de 2025

Dende o 1 de agosto a Xunta mellora a coordinación dos autobuses entre Ponteareas e Praia América, Nigrán

Os usuarios disporán dun servizo de ida e outro de volta todos os días da semana durante o mes de agosto a través dun enlace no Porriño. Con estas melloras redúcese o tempo de espera entre a chegada da liña directa desde o areal de Nigrán e os servizos cara a Ponteareas

A Xunta mellorará desde este martes, 1 de agosto, a coordinación dos servizos de autobús para facilitar durante este mes de verán os desprazamentos entre Ponteareas e Praia América, en Nigrán. A viaxe entre Ponteareas e este areal realízase a través dun enlace no Porriño coa liña directa que funciona de luns a domingo nos meses de xullo e agosto ata Praia América, cunha duración de só 30 minutos. Os enlaces dispoñibles ofrecen un servizo de ida e outro de volta todos os días da semana durante o verán.

Para ofrecer tempos de enlace reducidos aos usuarios de Ponteareas na viaxe de regreso, a Xunta axusta entre 10 e 15 minutos a saída desde Vigo das expedicións que teñen horarios de paso polo Porriño próximos aos da liña directa. Con estas melloras optimízase a coordinación co servizo de volta que sae do areal de Nigrán ás 20,30 horas, de xeito que o enlace cara a Ponteareas será entre as 21,08 horas e 21,18 horas.

Para a ida, de luns a venres, os cidadáns de Ponteareas poden empregar o servizo que ten hora de paso pola estación de autobuses cara ao Porriño ás 13,45 horas e os sábados, domingos e festivos, ás 14,20 horas. No Porriño realízase o enlace cara ao autobús que sae ás 15,00 horas da parada da avenida de Galicia ata Praia América.

A mellora da coordinación destes servizos incide na aposta da Xunta por facilitar os desprazamentos á praia en transporte público durante o verán, como principal alternativa ao vehículo particular, evitando a saturación de tráfico e as emisións contaminantes nos desprazamentos aos areais.

Desde a súa activación, a mediados de xullo de 2022, a liña directa do Porriño a Praia América tivo unha boa acollida social. Así o pasado mes de agosto, o primeiro mes completo de funcionamento, rexistrou máis de 900 usuarios.