Xoves, 1 Maio de 2025

BNG e PSOE únense no Porriño en defensa da sanidade pública

O Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE do Porriño veñen de presentar unha moción conxunta para trasladar ao pleno municipal as reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública. A iniciativa busca dar visibilidade ás demandas do colectivo, que leva tempo tentando sen éxito concertar unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a actual situación sanitaria.

Na sesión plenaria celebrada este luns, os grupos propoñentes solicitaron unha maior dotación de persoal no Centro de Saúde do Porriño para garantir a cobertura dos servizos básicos. Ademais, reclamaron a incorporación de especialidades como pediatría, atención temperá e radioloxía, así como a ampliación da carteira de servizos con saúde mental, fisioterapia, farmacia e ambulancia en ruta.

A moción tamén incluíu unha petición para que o Concello financie un autobús co fin de facilitar a participación cidadá na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar en Santiago de Compostela o 6 de abril. “O alcalde ten a oportunidade de posicionarse do lado dos intereses da cidadanía”, sinalaron os impulsores da proposta.

A iniciativa non contou co apoio do Partido Popular, que votou en contra da moción. A concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, afirmou que a saturación do sistema sanitario se debe á alta demanda da poboación, declaracións que foron cualificadas pola oposición como “surrealistas e lamentables”. A oposición considera que o problema radica na falta de recursos e na redución do investimento en sanidade pública.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública animan ás persoas afectadas a rexistrar as súas queixas nos centros de saúde e hospitais, así como a participar na mobilización do 6 de abril en Santiago de Compostela. Para facilitar o desprazamento, a plataforma habilitou un autobús con parada no Porriño, permitindo a reserva de praza a través do número de teléfono 986 610 465.