Xoves, 8 Maio de 2025

O Bádminton Tui valorará a súa continuidade ante os impedimentos que pon Concello para a utilización das instalacións deportivas

A directiva do Club Bádminton Tui valorará, nestes vindeiros días, a continuidade do club logo de ter recibido, nesta pasada semana, os horarios de adestramentos adxudicados polo Concello de Tui “que nos poñen na tesitura de elixir entre deporte base e competición”. Non é, recoñece a directiva do Bádminton Tui, unha decisión fácil “xa que afecta a unhas 200 persoas (170 licenzas federativas) entre deportistas, afeccionados, adestradores, directiva,… por iso necesitamos reflexionalo ben e en breve comunicaremos a decisión final”.

Chove sobre mollado

Hai decisións que se adoptan por ser a última gota en encher o vaso ou, como se di nesta terra, porque chove sobre mollado. O Club vén denunciando dende hai tempo que, nos últimos anos “somos o club máis prexudicado e con cada vez menos horas de adestramentos de todo Tui”.

“Levamos desde o mes de maio –engade a directiva–, solicitando con emails e whatsapps os horarios de adestramentos para o curso 2022/23 sen recibir sequera unha resposta”. O pasado 4 de agosto, vía Rexistro de Entrada do Concello, o Bádminton Tui presentaba a solicitude pedindo tan só 9 horas semanais –mércores e venres de 16 h a 20:30 h– a partir de setembro nas instalacións do IES San Paio. A solicitude tanto das horas como dos días responde a que “é o horario en que o noso director deportivo ten dispoñibilidade para atender aos xogadores/as como xa é coñecido polos técnicos municipais”, explica o club a través da súa presidenta María Luisa Giráldez.

O pasado mércores 10 de agosto o Bádminton Tui recibía recibiamos comunicación vía correo electrónico dos horarios definitivos, “sen ter previamente nin un só contacto connosco” e na que se lle conceden as instalacións do IES San Paio os venres de 16:00 h a 21:00 h, mentres que os horarios do pavillón do CEIP de Guillarei, non poden confirmalos ata que non teñan planificación das actividades extraescolares aínda que o club adianta que as previsións que se teñen para eles son os luns e mércores de 16.00 h a 20.30 horas aclarando que “o centro adoita utilizar o pabellon ata as 18:00 h”.

Considera o CB Tui que Guillarei “non é a solución como se demostrou os últimos dous anos” xa que, explican, “os luns gran parte dos xogadores teñen clase ata as 18:00 h e os venres en moitos casos deben desprazarse a competicións nacionais”.

Para o club queda claro que un día de adestramento á semana non é suficiente para os seus e as súas deportistas “se queren ter algunha opción nos torneos autonómicos e nacionais dado que o resto de clubs galegos adestra mínimo 3 días á semana”.

Cun só día á semana “non podemos atender no mesmo pavillón aos deportistas que compiten e aos que empezan ou simplemente queren gozar deste deporte sen ánimo de competir, tanto nenos como adultos” e lembran que levan anos “reclamando unha estabilidade nos horarios, que non se cambien cada curso escolar e non hai maneira, ao contario, complícanse e mesmo parece que se busca enfrontar aos clubs entre eles”.

“Tócanos agora reflexionar, valorar e tomar unha decisión que esperamos comunicar canto antes”, conclúe o comunicado do Club Bádminton Tui.