21.2 C
Pontevedra
Mércores, 7 de Xuño de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiCarme Núñez: "Queremos que Tui marque a diferenza cun modelo alternativo de...

    Carme Núñez: “Queremos que Tui marque a diferenza cun modelo alternativo de cidade”

    “No BNG queremos que Tui marque a diferenza cun modelo alternativo de cidade que lle dea prestixio ao concello”. Así o manifestou no serán de onte a candidata do BNG á Alcaldía de Tui, Carme Núñez, no acto de presentación dos compoñentes da lista ás eleccións municipais, asegurando que o proxecto nacionalista para a vila pretende acadar “un concello para vivir, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso da súa identidade e situación privilexiada”.

    Núñez afirmou que a experiencia “dinos que os concellos onde goberna o BNG marcan a diferencia e son modelos de prestixio, como acontece con Tomiño ou Pontevedra”, aludindo á presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da candidata ás xerais e tenente de alcalde en Pontevedra Carme da Silva, que estiveron presentes no acto.

    Carme Núñez estivo acompañada da alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a candidata ás xerais e tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva

    A candidata a alcaldesa apostou por poñer en valor o patrimonio do Concello de Tui, potenciar o ARI da cidade histórica e reverter o seu deterioro, aproveitando a rehabilitación do Teatro Principal como foco revitalizador ademais de potenciar o patrimonio das parroquias, creando espazos públicos de calidade e no que a veciñanza poida convivir.

    Outra aposta do BNG de Tui, dixo a nacionalista, será o respecto ao medio ambiente, mellorando a recollida selectiva dos residuos, o coidado das praias, sendas e a colaboración coas comunidades de montes, apostando pola multifuncionalidade e a loita contra o lume. “Algo moi importante para nós será impulsar a participación veciñal, axudando ós distintos colectivos e que sexa a veciñanza a que canalice as prioridades”, engadiu tamén Núñez.

    A candidata quixo lembrar o traballo realizado polo BNG no Concello nos dous anos no que foi responsable das áreas de Patrimonio, Medio Rural, Participación, Limpeza e Medio Ambiente “sen escándalos, sen griteríos, con moito traballo e dedicación”. Subliñou que “no BNG merecemos unha oportunidade de tentar mellorar a vila” fronte aos 20 anos “desastrosos” dos gobernos do PP “sen facer nada” e dos que están a gobernar o concello agora “que non son capaces”.

    Núñez finalizou a súa intervención presentando á candidatura completa do BNG en Tui, conformada por Carme Méndez, Xosé Martínez Tato, Ernesto Cañedo, Alexandre Negro, Ana Belén Bernández, Miriam Rodríguez, Rosalía González, Tomás García, Miguel Ángel Martínez, André Vidal, Ramón López, María Yria Nogueira, Ismael Alonso, Alfonso González, María de los Ángeles Tienda, Carmen Pérez e Juan Nogueira.

    “O único voto útil nas xerais, o do BNG”
    A cabeza de lista por Pontevedra ás Xerais, Carme da Silva, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo feito no Concello de Tui por Carme Núñez e Xosé Martínez Tato. “En Tui notouse moito cando estaba no goberno o BNG e moitísimo máis cando non estivo. Animamos a Carme a que pelexe para dirixir o goberno municipal deste concello, que tanto merece un goberno á altura das súas necesidades”, dixo.

    Da Silva destacou que Tui está nunha situación xeográfica dentro da Galiza absolutamente privilexiada xa que “non é a vila que nos separa de Portugal, senón a que nos une a Portugal, na beira do Miño, que é unha grande arteria entre ambos países” e apostou por traballar para conseguir que o que nestes momentos son “atrancos” se convertan en beneficios”.

    A candidata ás xerais subliñou que un dos principais atrancos que existe a día de hoxe para o desenvolvemento de Tui é a portaxe da AP-9. “Hai que eliminar esa portaxe, porque a AP-9 é o eixo de comunicación da Galiza e a unión co país veciño, co que temos tanto en común e co que temos grandes sinerxias que sacarían o enorme potencial do país para desenvolver os sectores produtivos”, dixo.

    “Pedimos a confianza de veciños e veciñas de Tui, coa esperanza de que este país ten futuro se o cremos e somos nós quen tomamos as decisións e somos nós quen poñemos as nosas necesidades enriba da mesa”, asegurou, para salientar que as forzas políticas estatais demostraron na pasada lexislatura que non o van facer. “Nin o PP, nin o PSOE, nin Podemos nin a Marea”, puntualizou, “viuse nos orzamentos e cada vez que hai que tomar unha decisión que afecta a Galiza: O único voto útil para Galiza é o do BNG, para que a axenda das necesidades do país estea realmente nas Cortes do Estado”.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS