12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoA mocidade tomiñesa participa nun encontro internacional musical en Paredes de Coura

    A mocidade tomiñesa participa nun encontro internacional musical en Paredes de Coura

    O evento, enmarcado no proxecto europeo Play2Grow, procura desenvolver valores e habilidades chave para a xuventude a través da música

    Recentemente tivo lugar no municipio portugués de Paredes de Coura o encontro internacional YOUth Grow!, un evento organizado no marco do proxecto europeo Play2Grow que procura desenvolver valores e habilidades chave para a xuventude a través da música.

    Durante a pasada semana, do 6 ao 10 de setembro, a localidade portuguesa recibiu a quince mozos e mozas de Tomiño, Paredes de Coura e Aosta (Italia), cinco de cada país socio, que se reuniron no Centro de Educación e Interpretación Ambiental (CEIA), un fermoso lugar no que a música e a natureza se fusionaron durante cinco días cheos de actividades.

    O alumnado tivo a oportunidade de aprender con profesores e monitores procedentes dos tres países participantes no proxecto, onde realizaron diversos obradoiros e actividades de ocio nos que aprenderon a tocar música ao vivo para películas mudas cos músicos e formadores da formación musical Space Ensemble, outra das colaboradoras do proxecto. Durante as xornadas puideron abordar técnicas de improvisación musical, explorar sons e realizar exercicios que non teñen a oportunidade de desenvolver na educación musical convencional. Tamén tiveron a oportunidade de crear todos xuntos unha canción aproveitando as distintas aportacións que cada un dos mozos e mozas fixo ao grupo en materia de coñecementos e formación.

    Pola parte tomiñesa participaron cinco alumnos e alumnas da Escola de Música de Goián, Aroa Fernández, Marina Ruedas, Iria Muñoz, Aaron Laiseca e Javier Lluch, ademais do profesor e voluntario da OMIX Andrés Álvarez. O encontro serviulles para coñecer estudantes de outros lugares cos que intercambiaron experiencias culturais e musicais. Para Aroa o proxecto foi “unha experiencia inesquecible” e moi enriquecedora, tanto no plano musical como no persoal. “Gustoume moito todo o que aprendín cos demais compañeiros, xa que mentres que en Goián temos un plan de estudos máis clásico, na Escola de Rock de Paredes ou na Escola de Música de Aosta é máis moderno”, afirma. En canto ao aspecto persoal, sen dúbida o que máis aprecia son os vínculos creados cos demais participantes. “Fomos fortalecendo os lazos nos momentos libres, facendo sesions jams, compartindo xogos típicos dos nosos lugares de procedencia ou costumes”.

    O proxecto Play2Grow pretende profundizar nas relacións entre os países participantes buscando reforzar os seus vínculos a través da música. Está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e conta coa colaboración dos concellos de Tomiño, Paredes de Coura e a Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia). Pode consultar máis información sobre o mesmo na súa páxina web en https://play2grow.eu/

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.