A empresa rosaleira ‘Depósitos Coballes’ tamén quere achegar o seu gran de area para axudar a paliar as situacións de emerxencia social facendo unha importante doazón de alimentos ao Concello do Rosal, produtos de primeira necesidade que irán destinados a aquelas familias máis vulnerables. En total serán 800 quilos de alimentos e 200 envases de cueiros que a empresa cedeu ao Concello e á asociación Conrazones para distribuír entre a poboación que atravesa máis dificultades e que o Concello do Rosal comezará a entregar o vindeiro luns 4 de maio a través do seu reparto habitual de comida.

Todos os alimentos recadados foros comprados pola propia empresa pero tamén achegados polos seus traballadores e traballadoras, que quixeron deste xeito colaborar de xeito activo coa iniciativa. “Non podemos máis que dar as grazas a Coballes e a toda a súa plantilla por este xesto de solidariedade e por preocuparse por aquelas persoas que peor o están pasando nestes intres, a pesar de que a crise sanitaria conlevou dificultades para todos e todas. Iniciativas como esta son moi necesarias para facer fronte ao incremento de situacións de emerxencias que trouxo consigo o COVID-19”, sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Xunto con este alimentos e cueiros, a empresa rosaleira tamén quere achegar o seu gran de area ao persoal sanitario, polo que doará medios de protección individual, gafas, mascarillas, pantallas e hidroxel ao centro de saúde da Guarda, que nestes intres centraliza a todos os pacientes do Rosal con sospeita de afección respiratoria por coronavirus.