Sábado, 3 Maio de 2025

Un home queda atrapado tras envorcar o seu tractor no Rosal

Os familiares e veciños que se atopaban no punto liberaron ao condutor, que quedou atrapado por un brazo baixo a máquina.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás nove e media da mañá de onte cando, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a esa hora, solicitaba axuda ao 112 Galicia para liberar a unha persoa que quedara atrapada debaixo do tractor que lle envorcara cando circulaba pola Praza do Calan, no concello pontevedrés do Rosal, no lugar de San Xian.

Nada mais recibir o aviso, desde o 112 Galicia activouse un operativo formado polos Bombeiros de Baixo Miño, polos membros do GES da Guarda, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, segundo a información recibida no 112 Galicia, non foi preciso o uso do material de excarceración posto que as persoas que se atopaban no lugar puideron liberar á vítima, que foi trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Outra máquina agrícola encargouse da retirada do vehículo sinistrado.