Venres, 9 Maio de 2025

Toda a información sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, nunha charla no Rosal o 19 de abril

Ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente ao abeiro do programa Consumo Responde do Instituto Galego de Consumo

Tras a gran subida do prezo da luz e da enerxía, o Concello decidiu achegar á veciñanza información da man dunha persoa especialista “sobre un tema que tanto preocupa a todos os rosaleiros e rosaleiras nun momento no que estar informado é de vital importancia”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Por este motivo, o Concello colaborará co Instituto Galego de Consumo para que o programa Consumo Responde se traslade a vindeira semana ao Rosal para ofrecer unha interesante charla en formato presencial.

Será o martes 19 de abril cunha charla formativa sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, na que o xefe do servizo de Consumo de Vigo-Pontevedra da Xunta de Galicia, Alfonso Diéguez, afondará ante as persoas asistentes en diferentes medidas a aplicar para abaratar o consumo, explicará a diferenza entre mercado libre ou regulado ou explicará como reclamar, entre outros aspectos.

A cita será no Centro Social Polivalente con entrada de balde.