Luns, 5 Maio de 2025

Outono cargado de cultura no Rosal

O outono chega ao Rosal cargado de cultura. O Concello xa puxo en marcha para os meses de outubro e novembro unha ampla programación na que as actividades infantís e a música compartirán escenario coa literatura, as charlas medioambientais, o teatro ou o patrimonio histórico e cultural. “Despois duns intensos días nos que volvemos desfrutar da nos Feira do Viño do Rosal e da nosa Festa do Outono do Pilar con total normalidade e nun espazo único, continuamos traballando para que a veciñanza goce nos dous vindeiros meses dunha morea de actividades para todos os públicos e para todos os gustos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación de outono non dará tregua e traerá ao Rosal cada semana diferentes actuacións e actividades para diferentes públicos. Así, a axenda de outono continúa este 15 de outubro cunha tarde de lecer para toda a familia con Cristina Collazo e a famosa bandoleira Pepa a Loba, un contacontos interactivo onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.

A partir das 12.00 horas no auditorio municipal, o público poderá desfrutar desta aventura na que a protagonista chega ata un refuxio onde poder acubillarse: a taberna da que tanto lle falara a súa nai. Decide poñela de novo en funcionamento coa axuda da súa inseparable gavela, ata que alguén lle fala dun cobizado tesouro que mergullará a Pepa a Loba e a todo o público nunha aventura cargada de música, monicreques e intrigantes historia. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

A vindeira semana haberá sesión tripla. O xoves 20 de outubro Marta Arribas chegará ao Centro Social Polivalente a partir das 17.00 h coa súa charla ‘A auga, un recurso imprescindible’. Ao día seguinte, 21 de outubro, ese mesmo escenario acollerá á doutora Olalla Otero (20.00 h) na presentación do seu libro ‘El revolucionario mundo de los probióticos’. O sábado 22 volverá a ser a quenda dos máis pequenos e pequenas da casa, que poderán desfrutar dos ‘Contos para caghar patatillas’ de Brais Hortas a partir das 12.00 horas no auditorio municipal.

Outubro pecharase o domingo 30 co Concerto de Outono e 18 aniversario da coral da Agrupación Musical do Rosal. Será unha actuación de balde aberta a todos os públicos a partir das 17.30 horas no auditorio municipal.

En novembro volverán as charlas, a literatura, as risas e a música. O venres 4 a biblioteca municipal acollerá ás 19.00 horas a presentación do libro ‘EMOVERE’, con poemas de Andrea Suárez e César Fernández e coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal. Ao día seguinte, 5 de novembro, Fulano, Citano e Mengano chegan ao auditorio municipal ás 21.00 horas para entreter e facer rir ao público coas súas historias case incribles.

O xoves 10 de novembro o técnico de medio ambiente Óscar Martínez impartirá no Centro Social Polivalente a partir das 20.00 horas unha charla sobre ‘O cambio climático chama á túa porta. Falemos de reciclaxe’. O sábado 19 de novembro chega o tradicional Concerto de Santa Icía, organizado pola Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal ás 19.30 horas.

A programación de outono complétase ademais botando unha ollada ao pasado coas II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos nas que se porá en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro. Tras as dúas primeiras sesións durante as Festas do Outono do Pilar, a vindeira cita será o 5 de novembro cunha charla do arqueólogo Benito Vilas sobre as novas intervencións no castro do Pico da Bandeira ás 11.00 h no Centro Social Polivalente para ás 12.00 h facer unha visita ao propio castro. O 12 de novembro o xeólogo Óscar Pazos transportará ao público á historia da mina galaico romana de ouro das Bornas, en Tabagón, nunha actividade que comezará cunha charla ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente e rematará ás 12.00 h cunha visita á propia mina.