Xoves, 27 Marzo de 2025

Os Reis Magos percorren os barrios do Rosal

Visitarán máis de 60 puntos do municipio con todas as medidas para garantir a seguridade de rosaleiros e rosaleiras

Este ano os Reis Magos chegan a todos os barrios do Rosal. Unha delegación cos tres Reis e un axudante que velará por garantir que se cumpran as medidas de prevención percorrerán os diferentes barrios durante os días 4 e 5 de xaneiro, facendo paradas en máis de 60 puntos do municipio. “Queremos achegar a programación de Nadal aos barrios, implicando á veciñanza e facendo que os nenos e nenas desfruten da visita dos Reis de xeito cómodo e seguro”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello organizou un total catro equipos que se distribuirán para visitar en varios horarios diferentes puntos de Fornelos, Picón, Viso dos Eidos, Martín, Marzán, Cachada, Fecha, Pacenteo, Caselas, A Lomba, Couselo, Pías, Tamuxe, O Morán, San Miguel, Urgal, Valdemiñotos, Couso, Calvario, Cumieira, Telleira, Lagos, A Mata, Sandián, Novás, Rotea, Parada, Miranxe, San Xián, Portecelo, As Eiras e Tabagón.

A comitiva entrará nos barrios ao ritmo da música, aínda que será un acto estático no que se delimitarán os espazos para que o público que acuda poida manter as distancias de seguridade. Os Reis Magos levarán algunha sorpresa agochada para as nenas e nenos que lles visiten. En caso de choiva as actividades trasladaranse ás escolas unitarias. Dende o Concello quere agradecerse a colaboración das asociacións rosaleiras, sen as que non sería posible levar adiante actividades como esta.

Os Reis Magos continuarán a súa visita polo Rosal o martes 5 pola tarde. Será a partir das 17:00 horas no pavillón municipal, onde estarán precedidos polos Trasgos do Thea. Para participar nesta actividade é necesaria inscrición previa a través da web do Concello. Estarán permitidas un máximo de 3 persoas por solicitude.

Nesta ligazón pode consultarse e descargarse o calendario completo da visita dos Reis Magos ao Rosal.