Sábado, 3 Maio de 2025

O vindeiro 2 de setembro celébrase o XXV Trofeo do Rosal de balonmán

O torneo celebrarase ás 18 horas no Pavillón Municipal, e a partir das 21 horas haberá guateque na Praza do Calvario

O XXV Trofeo do Rosal de balonmán celébrase o próximo 2 de setembro a ritmo de guateque. Dous eventos conxuntos, deportivo e festivo, que encherán O Rosal de deporte, entretemento e gastronomía nunha xornada de celebración. 

Así, o 2 de setembro a partir das 18 horas terá lugar no Pavillón Municipal o Trofeo Concello do Rosal, cun partido entre os equipos de balonmán Valinox Novás e Frigoríficos Cangas. Será un encontro único a tan só unha semana do inicio da liga División de Honra Prata Masculina. Despois deste partido, ás 19.45 horas, será o turno do partido entre lendas, cos amigos de Javi Díaz vs os amigos de Víctor Armán.

Despois do partido, ás 21 horas dará comezo a presentación de todas as categorías na Praza do Calvario. E xa a partir das 22 horas  a celebración continuará co  Guateque do Valinox Novás, tamén na Praza do Calvario. Ás 22 horas ofrecerase música en vivo co grupo de música Nacional 81, e a partir da medianoite será a quenda dos DJs Anxo Silva e Adrián Mesu, que estenderán a festa ata a madrugada. Ademais da música, haberá unha proposta gastronómica con foodtrucks e cócteles

Na presentación do evento, celebrada no Concello, interviron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez, e por parte do Valinox Novás o presidente, Andrés Senra, un membro da directiva, Rogelio Diego e o Director Deportivo, César Armán. Todos eles convidaron á veciñanza do Rosal a participar nesta celebración deportiva e musical tan especial.