Venres, 2 Maio de 2025

O Trofeo Montes das Eiras de ciclocross está de aniversario

O Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross celebra esta fin de semana os seus 25 anos de vida por todo o alto. Máis de 260 persoas participarán este sábado 11 de novembro nesta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello e que por segundo ano consecutivo se celebrará nun escenario único en Galicia, os viñedos da adega Terras Gauda.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo dar os seus parabéns ao club “por ser quen de manter vivo o espírito da proba durante un cuarto de século, ofrecendo circuítos únicos e innovadores para as e os corredores e facendo que cada ano sexan máis as persoas que se animan a participar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou a singularidade do circuíto, “un elemento distintivo do trofeo que permitir vincular unha proba deportiva tan importante cunha sinal de identidade do Rosal como é o viño”. No acto de presentación da proba participaron ademais da rexedora e o concelleiro, representantes do club ciclista, da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo e da bodega Terras Gauda.

A partir das 11.30 horas tomarán o circuíto corredoras e corredores de ata 18 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclista dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver o circuíto completo dende distintas posicións dada as características do terreo. A proba rematará ás 18.00 horas coa entrega de premios.

O Concello quere felicitar ao Club Ciclista O Rosal por facer ao público desfrutar un ano máis deste grande evento nunha contorna espectacular e agradecer xunto ao club a implicación de Terras Gauda no trofeo, así como a colaboración da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia, de todas as empresas e entidades patrocinadoras e do equipo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil.