26.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal súmase á Rede de Concellos Ágora polo espazo público

    O Rosal súmase á Rede de Concellos Ágora polo espazo público

    Tamén se deu luz verde á modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal que permitirá afrontar novos retos de futuro

    O Rosal aprobou este xoves en pleno ordinario a súa adhesión á Rede de Concellos Ágora, unha rede de acción institucional entre concellos e Deputación de Pontevedra que ten como prioridade a revalorización do espazo público e a súa recuperación para o desfrute da veciñanza. O obxectivo desta rede é que, de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclables. “Continuamos a dar pasos cara unha transformación do Rosal en termos de mobilidade, implicándonos en proxectos que buscan devolverlle a prioridade á veciñanza e recuperar espazos para as persoas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

    Trátase dunha rede estable de traballo promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra, a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos. Baséase no principio de considerar o espazo público de calidade como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación que as administracións deben garantir, colocando ás persoas primeiro e avogando por unha mobilidade inclusiva na que nenos e nenas, persoas maiores e persoas con diversidade funcional teñan prioridade.

    Os Concellos Ágora tamén se comprometen a promover a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais e itinerarios peonís e ciclables no ámbito rururbano e interurbano, incentivando políticas de calmado de tráfico, reducindo a presenza de vehículos e creando espazos públicos amables e de calidade.

    Estes espazos servirán ao mesmo tempo para o fomento do comercio local e os concellos deberán promover nestes espazos recuperados actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer que sirvan tamén como recurso turístico.

    Durante este pleno tamén se aprobou unha modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal co obxectivo de afrontar novos proxectos de futuro, como o ecoparque de Viso dos Eidos e Martín. Con esta reestruturación o Concello do Rosal contará co financiamento para poder licitar este proxecto. O equipo de Goberno fomentará a participación cidadá presentando o proxecto en exposición pública á veciñanza de Viso dos Eidos e Martín para recoller as súas apreciacións, suxestións… Na orde do día do pleno tamén se incluía a modificación de representantes do goberno municipal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.