Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal saca a licitación o espazo gastronómico do renovado mercado

Un lugar de degustación e de encontro social onde os rosaleiros e rosaleiras poidan ir tomar algo, comer e desfrutar de actividades e do tempo de lecer. Con ese obxectivo nace o espazo gastronómico do mercado municipal que acaba de sacar a licitación o Concello, “un innovador recuncho que dará valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario”.

“Con este espazo queremos achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos dos e das consumidoras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tratarase dun bar gastronómico con case 200 metros cadrados con servizo de menú do día para tomar ou levar para o que se deberán empregar produtos locais, especialmente do mercado e preferiblemente ecolóxicos. Á hora da adxudicación tamén se terá en conta a calidade e orixinalidade do servizo que se poña en marcha, así como o emprego de bolsas ou contedores de empaquetado e cubertos reutilizables, biodegradables e non contaminantes.

O espazo sae a licitación por 4.500 euros ao ano máis a taxa de prestación de servizos do mercado e o contrato terá unha duración de cinco anos, con posibilidade de dúas prórrogas de cinco anos máis cada unha. Os pregos de licitación tamén establecen que o horario mínimo de apertura deberá ser de 09.00 a 22.00 horas de martes a domingo.

Coa ampliación do edificio do mercado e a posta en marcha deste espazo gastronómico, o Concello rematará o proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para o público como lugar de compra, de encontro e de desfrute do produto local.