Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal rematará as súas Xornadas de Enerxía falando sobre consumo comunitario e alternativas sostibles

O consultor Xosé Manuel Golpe ofrecerá a última charla do ciclo de conferencias o sábado 12 de febreiro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente

O Rosal rematará o vindeiro sábado 12 de febreiro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente as súas “Xornadas de Enerxía” coa charla “Consumo comunitario e alternativas enerxéticas sostibles” do consultor Xosé Manuel Golpe.

A entrada é de balde ata completar aforo e o experto reflexionará coa veciñanza sobre o gran potencial das comunidades locais de xerar e consumir enerxía procedente das súas propias fontes renovábeis dunha maneira sostible e respectuosa co medio ambiente.

Esta charla é a última dos tres relatorios que contaron con conferenciantes de relevancia nacional e internacional. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou “o éxito que tiveron estas charlas” e afirma que “pouco a pouco, continuamos traballando en todos os ámbitos para facer do Rosal un concello máis sostible”.