Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal recupera o encontro social cunha nova edición do Festival Xente Xida

Concello e Asociación Cultural Xida recuperan o encontro social no Rosal despois de máis de dous anos de crise sanitaria cunha nova edición do Festival Xente Xida, unha festa con raíces para todas as idades e públicos coa mellor música e gastronomía. “O festival volve tras a pandemia coas mesmas orixes grazas ao traballo da asociación cultural Xida, conformado por un grupo de persoas moi implicadas socialmente que traballa a prol do folclore e da música e que colaboran co Concello na organización deste evento que forma parte das Festas do Verán do Pilar”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que agradeceu o labor desempeñado pola asociación.

A cuarta edición do festival celebrarase o vindeiro 24 de xullo a partir das 21.30 horas no colexio da Mata con acceso libre e de balde. Polo escenario pasarán O Trebón dos Xidos, que amosará un anaco da súa música e da súa tradición; o grupo galego Cantometrics e os baioneses Abóbriga, un grupo de gaiteiros que dende 2008 ofrecen unha mostra da música tradicional mesturada con composicións propias e cancións populares.

A mellor música tradicional estará mesturada coa gastronomía, xa que o público poderá gozar da cantina e do porco ao espeto.