14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal reactiva o proxecto 'Explanada do Horizonte'

    O Rosal reactiva o proxecto ‘Explanada do Horizonte’

    O Goberno municipal traballou intensamente dende o primeiro minuto para tramitar todos os permisos e autorizacións necesarias e facer realidade o proxecto

    Acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal e dotar a Portocelo dunha nova área de esparexemento para veciños, peregrinos e visitantes. Ese é o obxectivo da ‘Explanada do Horizonte’, un proxecto integral de revalorización e mellora que o Concello conseguiu activar grazas a meses de intenso traballo para tramitar todos os permisos necesarios para o seu desenvolvemento. Un traballo administrativo que acaba de culminar coa consecución da última autorización para poder desenvolver os traballos en todas as áreas de incidencia do proxecto.

    “Dende a nosa chegada ao Goberno puxémonos a traballar man a man coas Administracións e con todos os implicados para poder facer realidade este proxecto tan importante para O Rosal” explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quen aseugra que “non había ningunha autorización tramitada, polo que tivemos que investir moitos esforzos en conseguir as cesións e aprobacións de todas as entidades implicadas”.

    Tras os meses de trámites iniciais para conseguir os primeiros permisos comezaron a realizarse unha parte das obras, que neste momento estaban paradas a falta desa última autorización administrativa.

    Meses de traballo

    Para conseguir todos os trámites o Goberno municipal traballou coa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal para a cesión dos terreos necesarios para realizar as obras, así como coa traída de augas, coas percebeiras e co veciño propietario da parcela onde está situado o Petróglifo Laxe do Lapón, que se converterá nun dos elementos culturais principais do proxecto. “Non podemos máis que agradecer a boa disposición de todos eles para colaborar na medida do posible e poder facer realidade un proxecto de tanta envergadura. Un agradecemento que temos que facer extensivo a todos os veciños e veciñas de Portecelo e San Xián pola súa paciencia e a súa cooperación”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

    Ademais, para poder sacar adiante este proxecto obra da arquitecta e paisaxista María Fandiño, o Concello rosaleiro tivo que tramitar tamén todos os permisos necesarios coas sectoriais de Augas de Galicia, Estradas de Galicia, Patrimonio Cultural e Costas. Un traballo “arduo no que levamos implicados dende o primeiro día”.

    ‘Explanada do Horizonte’

    O proxecto busca a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo o municipio e a restauración da coñecida como ‘Explanada do Horizonte’ dotándoa dun área de descanso, dun merendeiro, dunha pequena edificación acondicionada con aseos e bar de tempada, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo poñendo en valor a paisaxe, recuperando os ecosistemas da zona e rexenerando as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.

    Na actualidade neste tramo do Camiño de Santiago non existen paradas para peregrinos e a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, supón un punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través do proxecto, crearase un miradoiro ao mar e á Serra da Groba que se converterá nun novo potencial turístico e mellorarase a calidade ambiental repoboando a zona con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.

    Por outra banda, a ‘Explanada do Horizonte’ tratará o Camiño de Santiago coa mesma delicadeza, marcando puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.