O Rosal quenta motores para unha fin de semana longa para brincar sen parar. Música, contacontos, circo, teatro e moito humor encherán este sábado, domingo e luns a Praza do Calvario, a onde serán trasladadas todas as actuacións programadas para os vindeiros días aproveitando o bo tempo.
A troula comeza o sábado 10 pola mañá (11.00 h) con ‘Brinca vai! De aquí a acolá’, un espectáculo para toda a familia no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano e o respecto á lingua serán parte da equipaxe nun camiño onde a música soará con forma de sorriso.
Pola tarde a protagonista será a cantante Ses, que esgotou as entradas para o seu concerto no Rosal hai días. A cita será ás 21.00 h, aínda que poderá accederse ao recinto a partir das 20.00 h previa comprobación dos datos da reserva, para o que é se recomenda acudir co correo de confirmación. Lémbrase que no recinto é obrigatorio o uso de máscara, manter a distancia de seguridade e respectar todas as medidas sanitarias.
O domingo 11 os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha suorenta comedia con ‘Running’, unha obra de teatro no que Stephy Llaruora e Sergio Macías protagonizan unha historia de amor e humor no que dan vida a unha vintena de personaxes. Un retrato en ton grotesto da posible realidade familiar actual e as complicadas relacións de parella dentro dunha sociedade que nos empuxa a unha vida atarefada, sobreinformada e catótica. Un espectáculo para todos os públicos que poderá verse a partir das 18.00 h. Aforo limitado a 100 persoas con entrada de balde ata completar prazas.
O luns 12 será a quenda de ‘Bambolina’, un espectáculo interactivo onde os nenos e nenas desfrutarán das divertidas aventuras e desventuras de Lela e Lolo, dous pallasos en constante creación de gags cómicos cheos de tenrura e absurda realidade. Unha obras de teatro onde a participación do público é parte fundamental da función. A partir das 17.00 h, aforo máximo 100 persoas de balde ata completar prazas.
Tras o teatro, chega a Agrupación Musical do Rosal, que ofrecerá un concerto a partir das 18.00 horas na Praza do Calvario para un aforo de 300 persoas. Actuación de balde ata completar prazas.

Como fin de festa a esta fin de semana longa, o martes 13 inaugúrase no Salón de Exposicións do Concello do Rosal ‘Auga. O sangue da terra’, unha mostra cunha fascinante colección de fotografías coas que se percorren moitos recunchos do planeta na procura do ben máis prezado: a auga. Manuel Valcárcel é o autor deste coidado proxecto que pretende centrar un factor vital para o funcionamento do mundo. A inauguración será ás 18.00 h e o horario para ver a exposición será martes e xoves de 18.00 a 20.00 h e venres e sábado de 11.00 a 13.00 horas.