21.2 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal prepara un 2022 cocreando sociedade

    O Rosal prepara un 2022 cocreando sociedade

    Despois do éxito deste proxecto piloto, este luns celebrouse unha reunión co ámbito do Benestar do Concello para seguir dando pasos para impulsar novas accións

    O Rosal continúa traballando para facer “do noso municipio un lugar accesible para todos e para todas”. Así o asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández, que este luns participou nun encontro técnico do proxecto Cocreando Sociedade co ámbito do Benestar do Concello rosaleiro para continuar avanzando en novas accións a realizar durante todo este ano 2022. “Despois da experiencia tan positiva que vivimos o ano pasado no seu arranque, imos seguir reforzando a rede e implicando a máis persoas para levar a cabo novas iniciativas inclusivas ao abeiro deste proxecto piloto participativo e transversal”, recalca a rexedora.

    Dende o Concello quere agradecerse a implicación de Avelaíña, San Xerome Emiliani, Agrupación Musical do Rosal, A Galiña Azul, CPi Manuel Suárez Marquier, CRA María Zambrano, UD Ribera O Rosal, Acanor Novás Valinox e Club Ciclismo o Rosal, que continuarán colaborando para crear estratexias e iniciativas inclusivas conxuntas ao longo deste ano. Un compromiso que quedará patente tras a creación dun documento de colaboración prevista para este ano e que será asinado por todas as entidades ou a realización dunha fesa de celebración deste compromiso.

    Ao longo deste ano 2021 puxéronse en marcha tres iniciativas desenvolvidas cunha metodoloxía grupal e participativa. Unha de inmersión sensorial no que persoas usuarias de San Xerome e Avelaíña puideron gozar do concerto de bandas sonoras da Agrupación Musical do Rosal sentados entre os propios músicos e músicas; visitas guiadas ás asociacións San Xerome e Avelaíña co obxectivo de coñecer mellor o seu labor, ás persoas usuarias e atopar sinerxías de colaboración; e outra de senderismo inclusivo coa adquisición dunha cadeira todo terreo para persoas con mobilidade reducida.

    “Tivemos unha valoración moi positiva por parte de todas as persoas que participaron no programa. A experiencia sensorial foi un éxito redondo para todas e todos os seus integrantes pero tamén para o público, que gozou dun clima máxico durante o concerto que envolvía o auditorio. E coñecer de primeira man San Xerome e Avelaíña permitiunos ver como funcionan e visibilizar claramente o abano de posibilidades de colaboración”, lembra Fernández Callís.

    Ao abeiro do proxecto tamén se creou un mapa de recursos compartidos de todas as entidades participantes e un mapa de necesidades dirixido a analizar cal é o contexto real do Rosal e das súas entidades no marco da inclusión para abordar aquelas actuacións que se detectan como máis urxentes, como a creación de espazos de participación das persoas usuarias sen necesidade de apoio das entidades, formación sobre inclusión ou erradicar o descoñecementos das capacidades.

    Os diferentes colectivos continuarán traballando e creando proxectos para os vindeiros 3 anos distribuídos en grupos temáticos que abordarán distintos aspectos. Así, a comisión de deportes afondará en accións como adestramentos compartidos, a participación como adestradores ou axudantes de partidos, a dirección de adestramentos ou partidos informais ou a posta en marcha de actividades semanais que poidan rematar nun partido mixto.

    En canto ao grupo de cultura traballará para a posta en marcha de concertos conxuntos entre a Agrupación Musical do Rosal e Xeorock, campamentos conxuntos, roteiros polos barrios da banda formada por persoas da Agrupación Musical e San Xerome ou a repetición da experiencia de inmersión sensorial. Pola súa banda, a comisión de educación abordará un proxecto de aprendizaxe aberto a toda a veciñanza sobre accesibilidade en sitios públicos, traballarán na posta en marcha de xornadas sobre os ODS nos centros escolares da man de persoas usuarias de San Xerome ou sesións de xogos na Galiña Azul, en obradoiros de cerámica en Avelaíña para alumnado do CRA ou a realización do Camiño do Santiago de nenos e nenas do CRA con persoas de San Xerome e Avelaíña.

    “Queremos aumentar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás do tecido asociativo, xerar sinerxías entre todas as entidades implicadas, contar coas propias persoas con diversidade funcional no deseño de actividades e poñer en valor o gran tecido asociativo que temos no Rosal”, conclúe a alcaldesa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.