4.5 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal percorre miles de anos da súa historia coas III Xornadas...

    O Rosal percorre miles de anos da súa historia coas III Xornadas de Patrimonio

    O Rosal volve botar unha ollada ao seu pasado coa celebración da terceira edición das súas Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades de balde para todos os públicos coas que o Concello busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro tanto material como inmaterial. Catro xornadas que permitirán á veciñanza “achegarse a aspectos fundamentais da nosa historia para entender O Rosal de hoxe e valorar o traballo dos nosos antepasados”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    As xornadas comezarán este sábado 21 de outubro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente coa charla de Augusto Pérez Alberti sobre ‘O patrimonio xeomorfolóxico da costa do Rosal: unha historia de máis de 120.000 anos’. O catedrático de Xeografía Física da Universidade de Compostela achegará o seu coñecemento sobre esta zona dun xeito didáctico e accesible para todos os públicos nunha charla que rematará cunha visita guiada á praia de bolos de Portecelo ás 12.00 horas.

    Pérez Alberti ten participado en máis de 300 libros e artigos en diversas revistas e investiga sobre a xeomorfoloxía glacial e periglacial, a xeomorfoloxía costeira, a climatoloxía, a paleoclimatoloxía e a cartografía dixital. É membro da Asociación de Geógrafos Españoles e da Sociedad Española de Geomorfología e foi fundador e primeiro presidente da Sociedade Galega de Xeografía.

    As xornadas continuarán o sábado 28 de outubro cun encontro con Eduardo Méndez Quintas, quen falará ao público sobre os ‘300.000 anos do traballo da pedra en Galicia’ ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente. Méndez é investigador posdoutoral Xunta de Galicia na Universidade de Vigo e centra as súas investigacións na prehistoria antiga europea e africana, que desenvolve en diferentes xacementos paleolíticos peninsulares, especialmente na conca do río Miño. Nesta zona lidera os proxectos en xacementos como Arbo, Porto Maior, Gándaras de Budiño ou A Piteira. Ademais é codirector da iniciativa Melka Kunture de Etiopía e do Olduvai Paleoanthropology and Paleoecology Project na Garganta de Olduvai en Tanzania. A charla rematará cunha visita guiada ás 12.00 horas ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño.

    A terceira edición das Xornadas de Patrimonio do Concello do Rosal rematarán afondando no traballo dos cabaqueiros. O sábado 4 de novembro a doutora en Xeografía e profesora en Ensino Secundario Ánxeles Verea Castelo falará sobre ‘Os ‘fomentadores’ da industria do barro’. O público poderá achegarse ás 11.00 horas ao Centro Social Polivalente para escoitar a esta investigadora descendente dunha coñecida saga de fabricantes de Boimorto que estuda dende hai anos o mundo dos cabaqueiros.

    Na súa exposición explicará como naceu a súa paixón polo coñecemento dos telleiros do Baixo Miño e destacará non só o importante papel que exerceron na construción dunha das grandes obras do século XVIII como o estaleiro e arsenal de Ferrol, senón tamén que puxeron as bases do nacemento de futuras industrias cerámicas en Galicia.

    Será a propia Ánxeles Verea a encargada de dar o pregón ao día seguinte, o domingo 5 de novembro, na xornada de demostracións do traballo dos cabaqueiros que se realizará a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.