Martes, 6 Maio de 2025

O Rosal levanta o pano da Aula de Teatro municipal

O Concello do Rosal pon en marcha por primeira vez a Aula de Teatro municipal, unha iniciativa que busca “achegar o teatro á veciñanza e impulsar un punto de encontro no que poidan confluír todas as inquietudes de artes escénicas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Impartida pola Artística, as clases serán eminentemente prácticas para estudar e traballar aspectos e técnicas básicas da creación escénica, como a expresión dramática, a improvisación ou a creación da personaxe. As clases comezarán o vindeiro mes de outubro e impartiranse ata xuño todos os mércores de 20.30 a 22.00 horas na escola de Pancenteo.

A Aula de Teatro municipal está dirixida a maiores de 16 anos e deberá haber un grupo mínimo de 10 participantes para que se poña en marcha. O prezo da actividade será de 20 euros ao mes, pero non haberá que pagar o mes de outubro.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden solicitar máis información ou inscribirse xa chamando ao 986 62 50 00.