Xoves, 8 Maio de 2025

O Rosal lanza un vídeo para destacar o gran valor artístico e histórico da igrexa de Santa Mariña

Está subtitulado en galego, castelán e inglés para que sexa accesible para as persoas xordas

O Concello do Rosal continúa a pór en valor o seu patrimonio con varias accións. Onte publicou un vídeo promocional para destacar a riqueza artística e histórica da igrexa de Santa Mariña, un templo con aires barrocos e que coa súa impoñente figura domina a praza do Calvario do concello. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “con este vídeo poñemos en valor unha das xoias do noso patrimonio e anima a veciñanza a velo para poder visitar a igrexa con ollos máis expertos”.

A imaxe exterior da igrexa de Santa Mariña é froito dunha reforma de 1847 que lle deu aires barrocos e dotouna dunha torre de campás con influencia americana. No seu interior grandes columnas de pedra sosteñen as bóvedas das súas tres naves. Pedra que constrúen as escaleiras de acceso ao fermoso coro da igrexa cuberto cun gran arco cuxo teito decoran frescos do martirio de Santa Mariña do pintor guardés, Manuel Ángel. Un dos maiores tesouros da igrexa é o gran retablo do altar maior, unha xoia do barroco do Baixo Miño con gran pegada portuguesa.

O vídeo non é a única acción que promoveu o Concello para pór en valor a igrexa de Santa Mariña, tamén se creou unha aplicación que permite acceder á caracterización arquitectónica, artística e histórica da igrexa de Santa Mariña do Rosal mediante o escaneo dun código. Nela atoparase a súa localización precisa, unha caracterización rigorosa, e accesible en galego, castelán e inglés. Mentres que no atrio da igrexa se instalou un atril interpretativo.