A Praza do Calvario acollerá o próximo domingo un concerto homenaxe a dous músicos emblemáticos de O Rosal, José e Emilio Flores Costas, os Irmáns Flores. O espectáculo comeza ás 21.00 horas con entrada balde ata completar aforo e a reserva de entradas está activa na web do Concello.
Xistra e convidados encargáranse de interpretar as creacións musicais dos irmán Flores, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal de moitas e moitos veciños, algúns dos cales hoxe en día dedícanse profesionalmente á música. Participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega. Soamente cunha gaita divertiron e ensinaron a todo un pobo.
Este concerto é unha actividade máis para valorizar o legado dos irmáns. O pasado mes de xuño o Concello de O Rosal acolleu a presentación do libro “O Legado dos Irmáns Flores”, de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez, grandes admiradores destes dous destacados rosaleiros.
Neste traballo de 220 páxinas e acompañado dun CD hai partituras do repertorio dos Flores, entre as que destacan as compostas por José; diversas gravacións de audio e diferentes ligazóns a vídeos dos dous protagonistas cun alto valor documental e histórico.