Comeza a terceira semana de corentena para loitar contra a crise sanitaria provocada polo COVID-19, unha semana que chega con endurecementos nas medidas do estado de alarma e maiores restricións de mobilidade. Un confinamento forzoso do que toda a sociedade é consciente pero que carrexa efectos emocionais.
Para minimizar eses efectos psicolóxicos negativos que poidan xurdir do #EuQuedoNaCasa e do momento de crise sanitaria que se está a vivir, a psicóloga Andrea Iglesias colaborou co Concello do Rosal coa elaboración dunha serie de recomendacións para a xestión psicolóxica ante a emerxencia sanitaria do COVID-19, cinco consellos xerais que pode aplicar toda a veciñanza nestes tempos e que se poden descargar nesta ligazón.
Para Iglesias a primeira recomendación pasa por comprender a realidade, estando informado do que está a pasar nestes intres, pero de fontes fiables “para non recibir mensaxes nocivas que poidan crear unha sensación de intranquilidade constante”. E, por suposto, actuar con responsabilidade, permanecendo na casa para protexer á nosa contorna e estando atento a calquera posible signo que indique padecer a enfermidade: tose, febre, dificultade para respirar…
Planificar e establecer hábitos de coidados físicos e psicolóxicos tamén é fundamental para a psicóloga rosaleira. Así, recomenda manter unha alimentación saudable e variada e crear unha rutina de actividade física diaria de como mínimo 30 minutos e intensidade media. No eido psicolóxico, para manter o controle e a normalidade, Iglesias aconsella reflexionar sobre a información que chega sobre o COVID-19 e transformar os pensamentos negativos que se poidan ter noutros “máis positivos e con maior utilidade neste momento”. “Sentir medo, ansiedade ou preocupación é algo normal. Todas as emocións son válidas e naturais, pero é preciso aprender a xestionalas evitando que cheguen a controlar o noso estado de ánimo”, salienta a psicóloga. Para evitalo recomenda tentar pensar en positivo, comentalo cos achegados ou incluso recorrer a profesionais en caso de ser necesario. Tamén é fundamental manter o contacto con familia e amizades, especialmente cando se vive so ou soa.
A psicóloga destaca que este é un bo momento para facer aquelas cousas que nunca se pode facer por falta de tempo e desenvolver habilidades e fortaleza, facendo cousas que teñan algún aspecto creativo. Pero non hai que ser produtivos todo o tempo, os momentos de lecer son moi satisfactorios e fomentan a creatividade e a capacidade para solucionar problemas.
Por último, Iglesias recomenda mellorar os hábitos de vida, “apoiarse nas persoas que temos máis preto para superar condutas aditivas ou pouco saudables. E recorda, se o precisas, pide axuda”.