Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal continúa ‘Educando en familia’ para acadar unha sociedade igualitaria

O programa posto en marcha polo Concello continúa este venres 25 de marzo (19.00 h) cunha nova charla a cargo da educadora social Angelina Gándara

O Concello do Rosal continúa este venres 25 de marzo co seu programa ‘Educando en familia’, un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza. “Creamos un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación que poidan ter as familias rosaleiras, servíndolles de guía e dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este venres a educadora social Angelina Gándara ofrecerá ás familias a charla ‘Cara a unha sociedade igualitaria: educar no feminismo’, unha temática que complementa a axenda cultural e de actividade programada polo Concello coincidindo coa conmemoración este mes de marzo do Día Internacional da Muller.

Durante o encontro Gándara reflexionará sobre se se educa por igual a nenas e nenos, sobre que axentes educan ademais da familia e a súa importancia no desenvolvemento das crianzas e, por último, dará as claves para educar no feminismo para ensinar a cativos e cativas a vivir en igualdade. “Elas e eles son o noso futuro e fundamentais para continuar revolucionando mentes. Viven unha etapa na que está libres de prexuízos e comezar a educalos en igualdade de xénero dende a infancia permitirá ter unha sociedade con adultas e adultos máis responsables e cívicos”, salienta a rexedora.

A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas.

A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e “a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais”.