Este mércores pola tarde volven as propostas músico-culturais ao Concello do Rosal. Nesta ocasión, a cita será na praza do Maio de Tabagón. O plan comezará cunha ruta guiada pola contorna na que se falará de patrimonio histórico-artístico, de artes populares e de tradición musical, pero tamén doutros temas de interese como algunhas artes de pesca ou mesmo a arte de saber subsistir á beira do Miño en tempos ben duros.
Para participar no percorrido é necesaria incrición. Pódese formalizar por WhatsApp no teléfono 677 78 32 96 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: [email protected].
E, despois do paseo guiado, as persoas asistentes poderán vibrar ao son da Big Band da Agrupación Musical do Rosal no concerto que ofrecerán a partires das 21.00 h.
E ás 22.00h, os veciños e veciñas que se acheguen á praza do Maio de Tabagón, poderán visionar o documental de Carmen Piedra, pertencente á segunda edición de Memoria Viva, un proxecto que naceu co obxectivo firme de atesourar e conservar as lembranzas que contan a historia do Rosal, que non aparecen nos libros, e que as persoas maiores gardan con moito agarimo.
Esta peza audiovisual ofrece a visión de Carmen Piedra, unha muller de 89 anos, vinculada á música dende o berce, xa que o seu pai, Pablo Piedra, foi impulsor e director dende 1925 da banda de música de Tabagón, xermolo da música no Rosal. Divertida narradora de historias propias e con moito respecto das e dos que xa non están, Carmen deixa a súa pegada para a historia a través deste documental, amosando con valentía o que ocorría noutros tempos na Ribeira do Rosal.
Xa contra a fin de semana, terá lugar a celebración do XXXI FESTIVAL DE MÚSICOS XOVES no marco do III Rosal Cámara Fest. O sábado o Colexio da Mata acollerá, a partir das 20.30 h, as actuacións da Banda de Música Popular de Rubiós, a Unión Musical de Valladares, e a Agrupación Musical do Rosal. E o domingo a cita é na igrexa de Santa Mariña a partires das 20.00 h, cos concertos da Coral Polifónica San Mamede (Zamáns), a Coral Diapasón (Ferrol) e a encargada de poñerlle o broche de ouro ao Festival será a Coral da Agrupación Musical do Rosal.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida “a todos os veciños e veciñas do Rosal a que participen nestas propostas culturais que, nesta ocasión, supoñen unha oportunidade única de coñecer Tabagón a través da súa arte e da súa historia”.