Mércores, 7 Maio de 2025

O Rosal axuda ás comunidades a mellorar as Traídas de Augas Veciñais

Ademais destas axudas, o Concello tamén está a levar a cabo análises anuais para coñecer o estado das augas

En 2021, o Concello aprobou unha liña de axudas ás traídas de auga veciñais para financiar ata o 80 % do orzamento presentado co obxectivo de mellorar as súas instalacións, sendo a cantidade máxima a recibir por traída 5.000 euros.

O obxecto destas subvencións comprendía a adquisición de materiais ou equipamentos, investimentos para mellorar as instalacións dos sistemas de captación de augas (fontes, pozos…), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

Tras as presentación dos proxectos polas diferentes comunidades de augas, tivo lugar unha valoración e unha puntuación e procedeuse ao reparto do crédito. Deste xeito, Marzán, que recibiu unha subvención de 5.000 euros, empregou os cartos para a colocación, dentro do caseto de chaves, dunha placa de suplemento do depósito onde poder colocar un decantador e instalar o sistema de cloración no punto de entrada de auga ao depósito cumprindo así coa normativa vixente.

A axuda á Comunidade de Fornelos foi tamén de 5.000 euros, e empregárona para a renovación de parte da rede de distribución con novas tubaxes para evitar as roturas constantes que tiñan nas vellas e evitar así o consecuente gasto en arranxos e a perda de miles de litros de augas.

En Tabagón, os case 4.900 euros recibidos foron empregados para a substitución dun tramo de tubaxes deterioradas que provocaban constantes roturas. A subvención empregouse tamén para a creación de novas conexións entre diferentes puntos da rede de abastecemento para nivelar a tubaxe e evitar o desnivel existente entre diferentes puntos de subministro coa consecuente perda de presión da auga.

Na Videira, que percibiu algo máis de 4.300 euros, os investimentos foron para a substitución das tapas existentes nas captacións por outras de aceiro inoxidable con premarco para selar as arquetas e evitar filtracións garantindo o selo sanitario. Procedeuse tamén á instalación dun sistema de comunicación para o control de calidade e de enchido do depósito en continuo. Isto permite que cando o depósito estea cheo, deixe de entrar auga, evitando o gasto innecesario de consumibles para a desinfección da auga e facendo un uso sustentábel dos recursos hídricos, permitindo que o exceso de auga non consumida volva á súa orixe.

Por último, Pancenteo aproveitou a súa axuda, de preto de 790 euros, para realizar o lavado e pintado do depósito de auga, minimizando así o impacto visual do mesmo na contorna.

Esta liña de subvencións supuxo un paso máis no compromiso do goberno municipal coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala que, ademais das axudas económicas “o Concello está a financiar as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos e ofrece soporte levar a cabo reparacións urxentes do día a día”. Ademais, a rexedora quere “agradecer aos veciños e veciñas a súa implicación, pois xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo tanto, o Concello seguirá colaborando con eles en todo o que precisen”. De feito, despois dun primeiro ano de traballo conxunto que tanto Fernández Callís como a veciñanza valoran positivamente, o Concello prevé o lanzamento dunha nova liña de axudas ás traídas veciñais no vindeiro mes de setembro.