Luns, 5 Maio de 2025

O Rosal achégase ás intervencións realizadas no castro do Pico Bandeira cen anos despois

O Rosal continúa ollando cara ao pasado. Este sábado 5 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá unha nova charla ao abeiro das II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades “deseñadas para dar a coñecer a toda a veciñanza e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro e do Baixo Miño”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este novo encontro estará centrado nas intervencións realizadas no castro do Pico da Bandeira cen anos despois da última campaña realizada na zona, unhas escavacións promovidas polo Concello en colaboración coa Comunidade de Montes do Rosal e cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra que permitiron coñecer o estado de conservación e o potencial deste castro de grandes dimensións situado no límite co municipio da Guarda que abrangue arredor de seis hectáreas de terreo.

A xornada, de balde, comezará ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente da man do arqueólogo Benito Vilas, especialista en Astronomía Cultural pola University of Trinity Sant Davis de Gales, lugar onde realizou o seu mestrado. Vilas é autor de numerosos artigos, entre os que destacan as súas investigacións sobre a importancia solar no dolmen de Dombate e na Catedral de Santiago. Tras a charla a xornada continuará cunha visita ao castro de Pico da Bandeira.

A rexedora convida a toda a veciñanza “a participar nesta nova actividade dunhas xornadas que buscan achegar a todos os rosaleiros e rosaleiras a aspectos fundamentais para coñecer, entender e valorar como é o noso concello hoxe en día”.