Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal abre a solicitude de subvencións para a mellora das traídas de auga veciñais

O Concello do Rosal mantén o seu compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio lanzando unha nova liña de subvencións dotada cun orzamento total de 20.000 euros coas que colaborar con todas estas entidades na mellora das súas instalacións. A través destas axudas, as traídas de augas veciñais poderán financiar ata o 80% dos gastos subvencionables presentados ata un máximo de 5.000 euros por traída.   

O Goberno local pon en marcha unha nova edición destas subvencións para axudar ás comunidades que desenvolvan a súa actividade no Rosal a adquirir materiais, renovar equipamentos ou investir en melloras de instalacións de sistemas de captación de augas, como fontes e pozos e a súa contorna; sistemas de almacenamento e potabilización, como depósitos, filtración ou decantación; sistemas de distribución e mellora das redes; ou renovación das instalacións, dende as conexións eléctricas ata os sistemas de bombeo ou o peche e a seguridade nos recintos.

As traídas de augas veciñais interesadas poderán solicitar esta subvención ata o vindeiro 14 de novembro de 2022. Toda a documentación está dispoñible na sede electrónica do Concello e terán ata o 30 de setembro de 2023 para a xustificación das axudas recibidas.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere agradecer a todos os veciños e veciñas que participan nas traídas de auga “a súa implicación e compromiso cos rosaleiros e rosaleiras, xa que xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e na xestión dun ben básico e preciado como é a auga”. A rexedora lembra que, ademais desta liña de subvencións, o Concello ofrece axudas económicas para financiar as análises de potabilidade obrigatorias en pozos e fontes e dá soporte ás entidades para levar a cabo calquera reparación urxente a realizar no día a día.