Luns, 5 Maio de 2025

O peche con balance positivo do Orzamento do 2022 evidencia a boa xestión do Goberno municipal

Cerrou o ano pasado cun remanente de tesourería de máis 1,4 millóns de euros, unha cifra aínda superior ao do exercicio de 2021

O Concello do Rosal goza de boa saúde económica. O Goberno municipal aprobou este xoves en pleno a liquidación do orzamento para o ano 2022, que se pechou cun balance económico moi positivo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o gran resultado acadado a nivel orzamentario o exercicio pasado, que se pechou cun remanente de tesourería de 1,4 millóns de euros, por riba dos 1,2 millóns de euros de remanente de tesourería xa acadados no ano 2021.

“Estas contas reflicten a economía saneada coa que conta o Concello do Rosal grazas á capacidade de xestión do equipo de Goberno, xa que non só conseguimos manter os niveis económicos do ano anterior, senón incrementalo”, resalta a rexedora. Como sinala Fernández Callís, “dende o Goberno municipal preocupámonos de investir ao longo do ano ese remanente positivo en proxectos transformadores que permiten recuperar o financiamento captando fondos externos de diferentes administracións”.

Outro dos indicadores deste bo momento da economía do Rosal é o resultado orzamentario axustado, que supera os 820.000 euros e que indica que os ingresos ordinarios son superiores aos gastos ordinarios rexistrados “e que o Concello ten recursos suficientes para facer fronte a actividade municipal”.

Estes datos compleméntanse co balance de aforro neto positivo, que no 2022 foi de case 510.000 euros, o que permite determinar que o Concello rosaleiro ten capacidade suficiente para financiarse.