O Concello está a piques de rematar as obras de renovación do pavimento do pavillón municipal do Rosal, uns traballos de mellora das instalacións que permitirá empregar esta importante infraestrutura “para practicar deporte de xeito intensivo e seguro, diminuíndo o risco de lesións das e dos xogadores en adestramentos e competicións”. “Debido ao grande uso do pavillón o pavimento atopábase deteriorado e non ofrecía as condicións óptimas de amortiguación para o uso deportivo de alta intensidade practicado na actualidade”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, para quen as obras de mellora “permitirár seguir promovendo o deporte cunhas instalacións axeitadas e prestar á veciñanza un servizo de calidade”.
Estas obras leváronse a cabo a través do convenio de colaboración entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para unha mellora na dotación de infraestruturas municipais que esixe a práctica deportiva, dando así resposta á crecente demanda social e preparando as instalacións para as esixencias deportivas actuais. Como explica a rexedora estas actuacións “eran necesarias para que o pavillón contara co mellor equipamento posible, tamén no chan, poñendo un pavimento que permitirá desenvolver calquera actividade deportiva con calidade, tanto adestramentos como competicións”.
Para acometer as obras levantouse o pavimento anterior e colocouse un aeroelástico con acabado de madeira composto por unha estrutura inferior sobre unha lámina de polietileno de galga estendida previamente sobre a soleira para evitar a penetración da humidade. Enriba sitúase unha estrutura de listóns de madeira e por ruba unha lámina e as pranchas encargadas de recibir a carga e redistribuíla cara a estrutura aerolástica. Por último recolocarase o pavimento de PVC retirado.
Os traballos de mellora supuxeron un investimento total de máis de 48.000 euros financiados ao 80% pola Secretaría Xeral do Deporte e o 20% restante con fondos propios.