21.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO Rosal'O país das bandas' despediu o seu ciclo hoxe no Rosal

    ‘O país das bandas’ despediu o seu ciclo hoxe no Rosal

    Ofrecéronse 97 concertos, coa participación de arredor de 4000 instrumentistas e máis de 500 profesionais implicados

    O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, despediuse hoxe domingo no concello pontevedrés do Rosal, co concerto da Agrupación Musical de Vincios. O programa percorreu desde o pasado 1 de xullo case 90 localidades e ofreceu 97 actuacións nas que participaron arredor de 4000 instrumentistas e directores de 76 formacións musicais. Ademais, máis de 500 profesionais directamente relacionados coa actividade das bandas beneficiáronse da iniciativa.

    Deste xeito, un de cada catro concellos galegos acolleu un concerto do ciclo O país das bandas, que estivo presente no 80% das comarcas. Percorréronse máis de 6000 quilómetros para levar a música tanto ás cidades como a concellos pequenos do rural sen tradición bandística. Co obxectivo de fomentar a interpretación de composicións de autoría ou temática galega, cada banda incluíu no seu repertorio un mínimo dun terzo destas pezas. O total de composicións que soaron ascende a case 900.

    Concerto no Rosal

    O concerto de hoxe no Rosal puxo o peche ao ciclo coa Agrupación Musical de Vincios, que actuou ás 12,45 horas na praza do Calvario. A actuación, prevista para a semana pasada, tivo que adiarse por mor da chuvia e recupérase nesta nova data. Creada en 1982 e dirixida na actualidade por Adrián Viñas Alonso, o repertorio foi Soñar en Xirimbao, Atlantis, Fate of the gods, Invicta e A mi banda. Soaron tamén Abba mía, Mi gran noche, Campo de Noia e Mozos do Penedo.

    O país das bandas

    O país das bandas é unha das iniciativas incluídas no Plan de reactivación cultural deseñado pola Xunta, que este pasado verán impulsou máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega, cun investimento superior aos 9M€. Forma parte tamén da programación especial do Xacobeo 21-22, unha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como do rural.

    O ciclo de concertos de bandas púxose en marcha ao abeiro do convenio asinado o pasado maio pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 euros. Deste xeito, refórzase a colaboración co colectivo, ao que este ciclo lle ofrece unha plataforma desde a que aumentar a visibilidade social e reivindicar tanto a súa calidade musical coma o seu labor de divulgación entre o gran público.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.