Venres, 13 Decembro de 2024

O goberno do Rosal reúnese coas comunidades de augas ao abeiro do programa #AVeciñanzaConta

O goberno Municipal do Rosal, encabezado por Ánxela Fernández Callís, mantivo dentro do programa #AVeciñanzaConta, unha reunión coas Comunidades de augas de Traídas Veciñais. Ademais da alcaldesa, na xuntanza participaron as concelleiras Sara Vicente, responsable da área de Medio ambiente, e Sabela Rodríguez, amais do concelleiro Germán Fernández.

A reunión permitiu ao goberno municipal ter un primeiro contacto con membros de todas as Traídas Veciñas e sentar as bases do inicio dun Estudo para a elaboración dun Plan de Apoio ás Traídas de Augas Veciñais por parte do Concello.

“As Comunidades de Augas veciñais traballan e están involucradas na xestión dun ben tan esencial e necesario como é a auga. A auga é un elemento inherente á vida das persoas. Podemos prescindir de moitas cousas, mais nunca poderemos prescindir da auga” sinalou a alcaldesa do Rosal. 

Ángela Fernández Callis subliñou que “contar con veciñanza implicada na xestión dun ben tan importante e vital  conleva non só a necesidade dun recoñecemento pola nosa parte senón tamén dunha colaboración estreita e constante que responda a criterios obxectivos na xestión e que teña unha perpectiva de mellora que traballe non só na solución dos problemas cotiás que xorden senón tamén na previsión do medio e longo prazo”.

Por ese motivo o Concello realizará un estudo pormenorizado e detallado da situación de cada unha das Comunidades de augas “co obxectivo de poder artellar e executar nun futuro próximo un Plan Anual de apoio ás Traídas de Augas Veciñais que responda a criterios obxectivos e que mellore progresivamente a realidade das mesmas”.

Para realizar este proxecto, visitarase e farase unha análise da situación de todas e cada unha das Traídas Veciñais.

“No noso Concello contamos cun grande capital humano tamén neste ámbito, con moitos veciños que levan anos implicados no mesmo –afirmou a rexedora local–
Demos inicio a un proxecto para nós fundamental no que temos moitas ganas de traballar. Por outro lado, con esta reunión tamén sentamos o xerme para a concreción do Consello Municipal das Augas, un órgano consultivo no que traballaremos man a man tamén no ámbito da auga”.

Desde o Concello agradeceron a “boa disposición a colaborar e a traballar conxuntamente amosada por parte dos membros das Comunidades de Augas”.