Sábado, 3 Maio de 2025

O Entroido do Rosal contará cun premio especial de cara a recuperar esta celebración nos barrios

Recuperar as raíces ancestrais sen renunciar ás novas tradicións. Ese é o obxectivo do Concello do Rosal, que este ano ten traballado para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito harmonioso nunha festa “con grande arraigo, trascendencia e seguimento social, unha festa que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Por este motivo, ademais do habitual concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se fallará tras o desfile do domingo 23 (11:00 h), este ano haberá un premio especial ao entroido tradicional do Rosal. “Queremos recuperar o entroido por barrios e recoñecer e visibilizar o gran traballo que fai toda a veciñanza implicada, xerando inercias positivas que se trasladen ao ámbito social e educativo. E para conseguir que o entroido perdure é fundamental que o sintamos como parte das nosas vidas, como parte de nós mesmos”, recalca a rexedora local.

Dúas realidades que conviven xa hoxe en día, grazas ao entroido tradicional que se celebra en barrios como Fornelos e Novás, que comezarán coa programación de carnaval o domingo pola tarde. Grazas á implicación da veciñanza e das comisións de festas, en Fornelos haberá ao longo da tarde pasarrúas, inchables, toro mecánico e verbena, mentres que en Novás a subida do maio, os xogos populares e o chocolate quente e a rosca serán os protagonistas da tarde do domingo. Luns e martes estes barrios celebran ademais dúas das actividades tradicionais máis esperadas por veciños e veciñas, a ‘Corrida do galo’ (luns) e as ‘Frixidelas’ (martes).

Dende o Concello quérese “agradecer á veciñanza o labor por conservar estas festas e toda a historia que teñen detrás, con actividades tradicionais que foron capaces de sobrevivir e manterse co paso do tempo, con rivalidades curiosas e sans ente barrios que aínda hoxe perduran, como a coñecida entre Fornelos e Novás”.

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das modalidades do concurso deste Entroido 2020 poderán facelo ata as 14:00 h do venres 14 de febreiro.