19.9 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello do Rosal pon en marcha un grupo para fomentar o...

    O Concello do Rosal pon en marcha un grupo para fomentar o intercambio de obxectos

    Trátase dun grupo de Facebook aberto a toda a veciñanza que tamén pode consultarse na web municipal de Medio Ambiente

    O Rosal continúa no seu camiño por converterse nun concello máis sostible. Por este motivo, ademais de traballar na creación dun espazo de intercambio, reparación e reutilización de obxectos na rúa Cumieira, o Concello vén de poñer en marcha un grupo de Facebook aberto a toda a veciñanza, residente no Rosal ou non, para fomentar o intercambio de todo tipo de enseres e obxectos de forma directa entre todas as persoas interesadas.

    Participar nesta iniciativa será moi sinxelo. As persoas interesadas simplemente deberán entrar no grupo, facerse membro e comezar a compartir aquelas cousas que queiran dar ou intercambiar.  Trátase dun xeito de promover non só o intercambio, senón que o grupo tamén está aberto a que as persoas poidan dar aquelas cousas que xa non precisen.

    As usuarias e usuarios do grupo subirán fotografías dos obxectos e a persoa interesada porase en contacto coa ou co anunciante, preferiblemente por privado, para acordar o intercambio. O Concello do Rosal non mediará nin intervirá en ningún dos acordos aos que cheguen ás persoas participantes nin se fai responsable de ningunha incidencia, así como tampouco disporá de ningún servizo de transporte para poder carrexar voluminosos.

    Poderá accederse a este grupo de Facebook dende a páxina do Concello nesta rede social ou dende a web municipal de Medio Ambiente, accedendo ao apartado Intercambia.

    Esta iniciativa forma parte do proxecto para alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental e aumentando os niveis de reciclaxe, posto en marcha ao abeiro dunha subvención de 30.000 euros para residuos de competencia municipal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.