Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello do Rosal licita o servizo de axuda no fogar

Esta nova contratación supón un incremento de 1.200 horas anuais

O Rosal avanza co obxectivo de converterse nun municipio máis inclusivo e que vela polo benestar e o coidado de persoas en situación de dependencia. O Concello vén de sacar a licitación o servizo de axuda no fogar, na modalidade de dependencia, por dúas anualidades e prorrogable tres anualidades máis por unha duración de un ano cada unha delas.

O contrato contempla un total de 17.604 horas de servizos, 1.500 horas delas en días festivos e outras 16.104 en horario ordinario. Esta nova licitación supón un incremento de 1.200 horas anuais con respecto ao servizo anterior, ao que hai que engadir a incorporación aos pregos administrativos da posibilidade de incrementar nun  20% o servizo en función da demanda e da dispoñibilidade orzamentaria.

Segundo explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “este novo contrato contempla significativas melloras que amplían as xa contempladas no prego anterior, como  10 camas articuladas con carro elevador e barreiras, 10 guindastres, 10 cadeiras de rodas para WC e ducha ou 10 colchóns antiescaras, todas elas melloras técnicas que consideramos moi necesarias para garantir que as e os rosaleiros dependentes reciban un servizo óptimo”.

Como novidade, os pregos contemplan a prestación de servizos complementarios que suporán un substancial salto de calidade para todos os usuarios e usuarias, xa que se inclúe o transporte a centros sanitarios con 50 viaxes de ida e volta, 40 servizos de podoloxía, 60 de perruquería e 10 limpezas de choque anuais.

O valor estimado do contrato ascende a máis de 1,8 millóns de euros, podendo chegar aos 2,2 millóns se se incrementa a demanda e a dispoñibilidade orzamentaria o permite. Este servizo non só permite mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, senón que, entre outros aspectos, tamén posibilita a permanencia das persoas na súa residencia habitual, favorece e potencia a autonomía persoal no domicilio ou mantén, mellora e recupera as redes familiares e sociais.

As empresas interesadas deberán presentar un proxecto técnico do que se valorarán tanto os aspectos técnicos e metodolóxicos como os recursos materiais e humanos. Valorarase tamén a oferta económica e, por suposto, as melloras propostas. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 13 de febreiro.