Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello do Rosal interésase pola situación do despregue de fibra no municipio

A alcaldesa Ánxela Fernández mantivo este mércores unha reunión de traballo con responsables de Telefónica para darlle traslado tamén da problemática crecente coa que se atopa a veciñanza

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o técnico municipal de urbanismo mantiveron este mércores unha reunión telemática coas dúas persoas responsables do despregue de fibra no municipio por parte de Telefónica, a empresa á que un órgano supramunicipal adxudicou o servizo de implantación desta tecnoloxía ata 2024.

“Aínda que o Concello non ten competencias nesta área si que nos incumbe todo o que está a pasar, xa que afecta de forma directa á nosa veciñanza. Por iso decidimos solicitar unha reunión coa compañía para informarnos de cal é a situación no Rosal”, asegurou a rexedora, que recalcou que “para nós é importante poder dispoñer dunhas boas conexións e queremos que ese despregue se faga ben, de xeito coherente”.

Durante a reunión, a alcaldesa deu traslado á compañía da crecente problemática que se está a detectar e que manifestan os veciños e veciñas co obxectivo de buscar solucións para que O Rosal dispoña deste servizo de conexión de banda ancha e mellorar a comunicación directa para a resolución das incidencias que se están a producir. Neste sentido, calquera veciño ou veciña que teña algunha incidencia relacionada coa fibra de Telefónica ou o seu despregue debe chamar ao 1002 para dar parte.

Pese a non ter competencias, dende o Concello reiterouse a boa disposición a colaborar en todo o que estea na súa man para garantir unha mellora nas posibilidades de acceso a esta tecnoloxía por parte da veciñanza, facilitando e axilizando os trámites administrativos que debe realizar Telefónica para levar a cabo as obras necesarias na vía pública para a implantación da fibra.