10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello do Rosal consegue unha subvención de case 48.000€ para...

    O Concello do Rosal consegue unha subvención de case 48.000€ para o fomento da compostaxe in situ

    Porase en marcha un sistema de préstamo de biotrituradoras para restos vexetais, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitarios e repartiranse composteiros individuais

    O Rosal segue a dar pasos para aumentar os niveis de reciclaxe actuais e acadar as taxas establecidas na normativa europea. O Concello vén de acadar unha subvención de case 48.000 euros para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situ ao abeiro dunha liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda confinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

    “Dispoñemos de fondos europeos para dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para xestionar os seus biorresiduos e reducir o impacto ambiental de todos os residuos. Con este proxecto traballaremos para potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores de resto e tratar de reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

    O Rosal acadou, xunto á Deputación de Ourense, a mellor puntuación na memoria do proxecto entre todos presentados á liña de subvencións e desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021. Dende o Concello queren agradecer o traballo realizado polo responsable técnico da concellería de Medio Ambiente no desenvolvemento do proxecto.

    Compostaxe colectivo e individual e biotrituradoras

    Na actualidade, O Rosal ten unha porcentaxe de recollida selectiva do 33,2%, por riba da media estatal e autonómica pero lonxe dos obxectivos fixados nas directivas europeas e nos plans nacionais e autonómicos de residuos. Os datos amosan un estancamento nas cantidades recollidas na fracción resto e un aumento progresivo na das nas tres fraccións maioritarias: 138,7 toneladas de vidro en 2019; case 125 Tn de papel/cartón e 116 toneladas de envases. Agora, a  través deste proxecto o Concello desenvolverá varias actuación “conectadas entre si coa pretensión de afrontar a xestión da materia orgánica dun xeito integrado e de achegar a compostaxe a toda a poboación”.

    Así, porá en marcha un sistema de préstamo de 6 biotrituradoras eléctricas para que os veciños e veciñas do Rosal poidan desfacerse dos seus propios restos vexetais. O obxectivo é establecer un modelo de préstamo semanal cómodo para as persoas usuarias co que se estima que máis de 300 fogares ao longo do ano poderán triturar os restos de poda e que permitirá obter estruturante de calidade para empregalo en todas as vivendas que teñan composteiro individual.

    Trátase dunha iniciativa moi importante, xa que nos concellos rurais a porcentaxe de fracción vexetal pode acadar ata un 10% do lixo domiciliario. No caso do Rosal estímase que na actualidade estanse a xerar 230 toneladas anuais que xeralmente se queiman ou se depositan nos colectores de resto, “con todo o impacto medioambiental que iso supón”.

    Por outra banda, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) para ampliar a cobertura das edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba. Ademais, nesa contorna hai varios produtores singulares e edificios municipais que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Cada centro contará con 6 unidades modulares con posibilidade de ampliación en función da demanda. Así, cos tres centros operativos o Concello podería atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.

    O proxecto tamén inclúe accións para potenciar a compostaxe individual para vivendas que dispoñan de espazo suficiente. Actualmente existen 408 composteiros instalados por todo o municipio con capacidade para tratar unhas 147 toneladas ao ano. O obxectivo é adquirir uns 500 composteiros que se sumarán aos 200 dos que xa dispón o Concello para ofrecer este servizo a unha poboación estimada de 1.700 persoas. Estes composteiros repartiranse por solicitude e a través de visitas porta a porta.

    Todas estas iniciativas completaranse cunha campaña de sensibilización encamiñada a dar a coñecer o proxecto e a involucrar á poboación para que participe nel. Para acadalo desenvolveranse contidos dixitais que se difundirán a través da web e das redes sociais do Concello e realizaranse actividades de formación tanto en centros educativos como nos distintos barrios se a situación epidemiolóxica o permite.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.