Domingo, 26 Xaneiro de 2025

O Concello abre unha enquisa sobre participación e necesidades socioculturais no Rosal

Búscase coñecer as necesidades culturais, de lecer e de participación no municipio

O Concello do Rosal está levando a cabo un Estudo de participación e necesidades culturais da veciñanza co obxectivo de coñecer as necesidades culturais, de lecer e de participación da veciñanza para facilitar a toma de decisións neste campo. Coa primeira fase xa rematada, na que se realizaron entrevistas con persoas clave, arranca agora a segunda fase para coñecer a opinión directa da veciñanza.

Tras o deseño do cuestionario, o Concello pon agora a disposición da poboación unha enquisa que poderá encherse en liña a través da páxina do Concello e á que tamén poderá accederse a través dun código QR que estará dispoñible no Concello e no comercio local. Esta enquisa tamén poderá cubrise en papel na propia Casa Consistorial ou nalgúns establecementos públicos.

A enquisa está aberta a todas aquelas persoas que viven no Rosal ou participan en actividades socioculturais no municipio e estará activa durante catro semana ou ata cando se acade a mostraxe representativa necesaria para o estudo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere resaltar a importancia de coñecer a visión da veciñanza en todos os aspectos que se recollen no cuestionario para identificar as necesidades de primeira man e así poder tomar decisións máis axustadas ás demandas socioculturais de rosaleiros. Dende o Concello agradécese de antemán a participación e anima á veciñanza a encher a enquisa, que non leva máis de 10 minutos. Xa na terceira e última fase do proxecto presentarase o informe final con todos os resultados e conclusións obtidas ao longo destes meses de traballo, diferenciando ademais os resultados en función das distintas variables de interese que xurdan.