12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalNovo empurrón á actividade deportiva no Rosal tras a reunión do Consello...

    Novo empurrón á actividade deportiva no Rosal tras a reunión do Consello Municipal

    A creación de instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios, entre os asuntos tratados no segundo encontro deste órgano consultivo

    O Concello continúa coa colaboración activa e estreita coa veciñanza para avanzar nos diferentes ámbitos municipais, tamén no deportivo. O Consello Municipal do Deporte celebrou o seu segundo encontro para seguir achegando propostas e ideas, debatendo e reflexionando sobre o devir deste ámbito no Rosal. Nesta nova reunión a creación de novas instalacións ou a promoción de xogos tradicionais e deportes minoritarios foron algúns dos eixos principais do debate.

    Durante o encontro abordouse o tema das pistas para correr, sobre o que se propuxo a creación de circuítos permanentes con sinalización en cada punto quilométrico e preparados para todo tipo de persoas. Ademais, as e os integrantes do Consello falaron da posibilidade de deseñar carteis con itinerarios para que as persoas que visitan o Rosal coñezan o terreo e as posibilidades que ofrece e propuxeron recoller ideas sobre que facer coa recta da Cumieira, moi utilizada para adestrar series.

    A pesar de que a situación sanitaria aínda non permite realizar todo tipo de actividades con normalidade, dentro do Consello propúxose tamén traballar en darlle pulo e promocionar os deportes minoritarios e os xogos tradicionais, así como todo tipo de deportes que hai no Baixo Miño. Para iso, os e as integrantes deste órgano consultivo consideran imprescindible contar con representantes dos barrios e facer un esforzo para que sexan actividades cunha alta afluencia de participantes.

    Xunto ao concelleiro de Deportes e ao de Participación Veciñal, Germán Fernández e Ramón Fernández Leal, o Consello está integrado por representantes do Acanor Novás Valinox de balonmán, da UD Ribera de fútbol, do Club Atletismo Trega, do Club Ciclista O Rosal, e dos clubs de petanca, fútbol gaélico, futgolf ou judo. Tamén conta coa participación de deportistas relacionados co décatlon ou o trial, como o olímpico David Gómez e o piloto Gabriel Marcelli, coa futbolista Sara Álvarez, o activista deportivo Ignacio Rivas, o ciclista Christian Silva, o asesor deportivo Víctor Valderradam, o ex ciclista profesional e animador deportivo Serafín Martínez ou o profesor de Educación Física xa retirado Félix Piñel.

    O Concello do Rosal puxo en marcha os consellos municipais co obxectivo de crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.