21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalMúsica e divertidas actividades para todos os públicos na I Festa das...

    Música e divertidas actividades para todos os públicos na I Festa das Asociacións

    O Rosal quenta motores para a primeira edición da Festa das Asociacións, unha xornada festiva coa que render homenaxe ao tecido asociativo rosaleiro, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do municipio. O encontro celebrarase o vindeiro martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, no parque de Pías, onde haberá música, talleres, espectáculos e actividades para todos os públicos de 11.30 a 21.00 horas.

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada que busca “achegar a todas e todos os participantes as actividades que están a facer as asociacións rosaleiras que traballan nos diferentes ámbitos no concello e, ademais, promover vínculos e colaboracións entre elas e asociados e asociadas”.

    As persoas interesadas en asistir á festa poden comprar xa os tíckets de comida e bebida que se venden de forma anticipada en calquera das asociacións e entidades participantes ou na propia Casa do Concello.

    Xa o día 17, o inicio das actividades virá marcado pola entrada no parque do Trebón dos Xidos. Pola mañá haberá ximcana ciclista, portería de precisión, talleres e xogos tradicionais, para rematar ás 12.00 h con actuacións a cargo da Agrupación Musical do Rosal e ás 13.00 h coa de Tremelique. Ás 14.00 h será tempo de comida e as actividades reactivaranse a partir das 16.00 horas con xogos populares. Ás 18 h será a quenda do espectáculo de monicreques de Tarabelos Teatro, ‘Sabela e o paxaro máxico’, que dará paso ás 19.00 horas ás actuacións musicais de Orballo e Brassica Rapa.

    “As asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural, deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos máis que louvar”, lembra a rexedora, que salienta que “sentimos moito orgullo de poder celebrar unha festa na que recoñecer o seu labor e dar a coñecer a todos os rosaleiros e rosaleiras o traballo que están a desenvolver no municipio”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.