Sábado, 3 Maio de 2025

‘Memoria viva’, as historias do Rosal que non se atopan nos libros

A alcaldesa presentou no auditorio municipal a segunda edición deste proxecto que busca a recompilación do patrimonio inmaterial vivo contado en primeira persoa. Carmen Piedra e Isaac Penela son os protagonistas de dous novos vídeos documentais e dous libros

Atesourar e conservar as lembranzas que contan a historia do Rosal pero que non aparecen nos libros, pero que as persoas maiores gardan con moito agarimo. Ese é o obxectivo do proxecto Memoria Viva, que onte presentou nun emotivo acto no auditorio municipal a súa segunda edición con dous novos protagonistas: Carmen Piedra, con toda unha vida vinculada á música, e Isaac Penela, crego no Rosal dende hai máis de 50 anos.

Con este proxecto plurianual o Concello puxo en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal co que cada ano se recollen en vídeos documentais e libros as testemuñas e vivencias doutros tempos dos veciños e veciñas, a súa visión de momentos históricos ou a forma de vivir doutros tempos. “É preciso escoitar, ver e gardar todas as historias que as nosas e nosos maiores gardan na súa memoria para non perder unha parte tan importante da nosa historia. Por iso recolleremos pouco a pouco ese patrimonio inmaterial que temos dun xeito diferente: coas e cos protagonistas contándoo en primeira persoa”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora agradeceu aos dous protagonistas desta edición a súa paciencia “por esas horas e horas de traballo dedicadas a transmitirnos as súas historias, así como ás familias, persoas achegadas e veciños e veciñas que colaboraron para seguir salvagardando a nosa memoria”.

Unha memoria que nesta edición recupérase, por un lado, a través da visión de Carmen Piedra, que cumprirá en novembro 89 anos, “e vivirei outros 89 máis”. Unha muller vinculada á música dende o berce, xa que o seu pai, Pablo Piedra, foi impulsor e director dende 1925 da banda de música de Tabagón, xermolo da música no Rosal. Divertida narradora de historias propias e con moito respecto das e dos que xa non están, como resaltou a alcaldesa no acto de presentación, “ten unha memoria prodixiosa, unha intelixencia e unha valentía únicas. Musicalmente no Rosal somos quen somos grazas á súa familia. Carmen herdou esas dotes musicais e foi unha gran violinista, aínda que a realidade doutra época afastouna do seu instrumento, xa que a muller estaba relegada a outras tarefas”. “Déixanos para a historia o seu legado e amosa a súa valentía ensinando neste traballo o que ocorría noutros tempos na Ribeira do Rosal”, destaca.

Por outro lado, recóllese a historia de Isaac Penela (90 anos), o crego inquedo, “a definición dun bo e xeneroso, da humildade personificada”. Como sinalou a rexedora durante a presentación, “foi moito máis que un cura, foi unha persoa implicada socialmente para a que sempre estivo por riba de todo o benestar da veciñanza”. Promotor e dinamizador do cooperativismo agrario na vila, loitador durante o conflito da auga entre 1974 e 1977 que case deixa sen este ben tan importante para a vida e o futuro da vila, “crego atípico, bondadoso e moi traballador, sorprende que aos seus 90 anos é quen de empregar as novas tecnoloxías como o que máis. Comprometido coa xustiza, faime especial ilusión compartir con el a súa paixón pola lectura, a economía e viaxar. É un claro exemplo dese patrimonio inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar pouco a pouco para que as xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia”.

Despois de visualizar os dous novos vídeos documentais do proxecto, a alcaldesa fixo entrega de dous ramos de flores a Carmen e Isaac. O evento, guiado polo rosaleiro Javier Lago, contou coa presenza de familiares e amigos dos protagonistas, así como de numerosos veciños e veciñas que quixeron arroupar aos dous novos protagonistas de ‘Memoria Viva’.

O Concello levará as proxeccións destes vídeos documentais aos barrios dos protagonistas. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán desfrutar co de Carmen Piedra o vindeiro mércores 17 de agosto na Praza do Maio de Tabagón ás 21.00 horas e co de Isaac Penela o martes 23 de agosto a partir das 20.30 horas na Igrexa de Santa Mariña do Rosal.