Sábado, 3 Maio de 2025

O Rosal traslada ao delegado territorial da Xunta as necesidades do municipio

Alcaldesa e concelleiros reuníronse con Luis López para abordar temas como os desaxustes no transporte público, as necesidades no eido educativo, sanidade e dependencia, así como o proxecto de continuación da senda dende Marzán a Fornelos

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, mantivo este xoves xunto a varios concelleiros unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, un encontro institucional no que o Goberno municipal aproveitou para trasladar ao delegado as necesidades de mellora detectadas no concello en diferentes eidos como a educación, o transporte público, a sanidade, a dependencia ou as infraestruturas.

Neste sentido, a rexedora explicou a aposta do Concello pola recuperación patrimonial das escolas unitarias do Rosal, nas que se está levando a cabo un proxecto de piloto de rehabilitación enerxética co obxectivo de reducir custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Afondando neste mesmo eido educativo, Ánxela Fernández expuxo ao delegado territorial as necesidades de transporte ás que se enfronta o CRA María Zambrano para poder ofertar o servizo de comedor. “É unha problemática que xurde dunha nova realidade, como é a da necesidade de implementar o servizo de comedor no CRA. O Concello subvenciona o 25% deste transporte e a ANPA está a facer un importante esforzo para levar adiante o servizo, por iso solicitamos á Xunta que colabore con esta cuestión na que ten plena competencia”, salienta a rexedora.

Durante a reunión, alcaldesa e concelleiros tamén abordaron os importantes desaxustes que está a sufrir o Rosal no transporte público. Dende o Concello xa deron traslado á Xunta das incidencias detectadas no municipio, como os problemas que está a padecer o alumnado que estuda no IES A Sangriña ou as eivas na comunicación dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda, entre outros.

Outros dos temas abordados durante o encontro con Luis López foi a situación da sanidade no municipio, que se enfronta a importantes necesidades en atención primaria agravadas nos últimos meses pola situación sanitaria actual. Como xa lle trasladara á Consellería de Sanidade, Ánxela Fernández lembrou os problemas cos rateos de persoal sanitario, a falta de infraestruturas e espazo e a necesidade dunha mellora urxente nos equipamentos.

A alcaldesa quixo trasladar tamén ao delegado territorial a realidade á que se enfrontan os municipios no campo da dependencia, un servizo de vital importancia cun importante incremento de prezo que están a asumir por enteiro os concellos. “Dende o Goberno local temos clara a necesidade de apostar por mellorar este servizo, que para nós é fundamenta. Este ano incrementamos o número de horas e asumimos a diferenza de custos cun aumento na partida destinada nos orzamentos municipais”, explicou.

Por outra banda, na reunión tamén se solicitou a continuidade da senda peonil da estrada PO-353 cun segundo treito que vaia dende Marzán ata Fornelos.

A alcaldesa agradeceu a visita do delegado territorial e amosou o seu compromiso de colaboración coa institución autonómica.