Domingo, 4 Maio de 2025

Un home perde a vida ao saírse da vía a moto na que circulaba no Rosal

Un home perdeu a vida onte pola tarde no Rosal, despois de sufrir unha saída de vía coa moto na que circulaba. Sucedeu no punto quilométrico 52 da PO-552, á altura da parroquia de San Miguel de Tabagón.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido a través da chamada dunha persoa particular ao fío das 18:05 horas.

Enseguida, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia, pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado, e a pesar dos esforzos do persoal médico, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Fai falta destacar que no operativo tamén interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil de Tráfico, os efectivos do GES da Guarda e os voluntarios de Protección Civil do Rosal.