Sábado, 3 Maio de 2025

Este domingo chegan ao Rosal ‘Tres vellas (polo menos)’

O auditorio municipal acolle ás 19.00 horas este espectáculo de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti. Entrada libre ata completar aforo

Esta fin de semana O Rosal acolle a última das actividades culturais organizadas para este mes de maio, un emocionante e emocional espectáculo de palabras cruzadas entre Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti. O auditorio municipal acollerá este domingo 23 ás 19.00 horas a obra ‘Tres vellas (polo menos)’, unha actuación na que os tres narradores compartirán co público as historias que lles contaron a eles varias vellas, fermosas narracións de mulleres sobre mulleres coas que se busca rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada, ás que moitas veces lles nega a voz, para que a súa memoria, sabedoría e esencia non se perda.

Un espectáculo que supón unha homenaxe a todas esas mulleres pero tamén á palabra falada, non soamente polas historias, chistes e lembranzas que os tres narradores compartirán, senón tamén pola propia riqueza polas palabras empregadas, o ritmo, os xestos, as olladas. Neste exclusivo show, protagonizado por narradores cun universo propio e unha voz singular, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todos os labores e o afiado sentido do gusto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. Ao rematar, o público sairá soñando co prato fumegante da memoria.

Con aforo reducido, a entrada será de balde e libre ata completar as prazas. O espectáculo desenvolverase con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para ofrecer aos rosaleiros e rosaleiras unha actividade cultural completamente segura.