Luns, 5 Maio de 2025

Esta fin de semana poderás escoitar os ‘Ecos do Nadal’ no Rosal

A programación cultural continúa no Rosal esta fin de semana con música. Este domingo 11 de decembro a Igrexa parroquial de Santa Mariña será o escenario do XII Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das actuacións máis agardadas nestas datas tan sinaladas organizada pola Coral Ecos do Folón de Fornelos en colaboración coa Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, o Concello, a Comunidade de Montes de Santa Mariña e a Deputación de Pontevedra.

Dende as 18.00 horas, o público poderá desfrutar de balde dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada pola Coral Polifónica ‘Asomamos’ de Mos, formada en 2009 e que retomou este 2022 de novo a actividade tras un parón de dous anos pola situación sanitaria con novos folgos e moita ilusión, e a Coral do Centro Sociocomunitario de Marín, que con 30 anos de historia reúne a 30 voces mixtas nun grupo de amigos e amigas afeccionados á música e ao canto.

A Coral Ecos do Folón naceu como asociación músico-cultural no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás actuais 30 voces mixtas. Participante en todos os circuítos culturais da Deputación de Pontevedra, a coral organiza cada ano dous agardados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’, que enche de música co seu variado repertorio, no que se inclúe temas tradicionais galegos, habaneiras, valses, boleros, cantos relixiosos, panxoliñas… moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo seu director, Jorge Fernández.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar un ano máis con este concerto de Nadal no que a coral rosaleira deleitará ao público con pezas como ‘Salió de Jamaica’, a panxoliña andaluza ‘Fuentecilla que corres’, o ‘Ave María’, a panxoliña chilena ‘Señora Doña María’ ou a peza galega ‘O meniño mariñeiro’. O espectáculo rematará cun marabilloso final en grupo.