17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalCreatividade a raudais nos obradoiros de verán para a mocidade do Rosal

    Creatividade a raudais nos obradoiros de verán para a mocidade do Rosal

    Aberta a inscrición ata o día 12 en cinco talleres que se desenvolverán durante o mes de xullo no Centro Social

    O Concello do Rosal propón un verán cheo de creatividade sostible para a mocidade rosaleira. A programación estival conta este ano con obradoiros monográficos dunha única xornada nos que ademais de potenciar a imaxinación de rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, traballaranse diferentes ideas para darlle unha segunda vida útil aos obxectos. Así, ata o vindeiro 12 de xullo as persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web municipal en 5 talleres que se desenvolverán durante o mes de xullo no Centro Social. Todos os talleres serán ás 10.00 horas e terán un custo de 5 euros por curso.

    No obradoiro Calcenecos o vindeiro 19 de xullo os mozos e mozas farán monecos personalizados e moi variados a partir de calcetíns desemparellados ou vellos, unha idea orixinal que pode empregarse como decoración, agasallo, xoguete… O curso desenvolverase nunha sesión de 2,5 hoaras. Xa pode facerse a  inscrición aquí.

    O día 20 de xullo a bixutería de reciclaxe centrará a xornada. Un curso de 2,5 horas nas que as e os participantes poderán reciclar os colares, pendentes e pulseiras que xa non empregan e teñen gardados nun caixón, facendo novos complementos adaptados ao seu gusto e coñecendo novas técnicas. Pode xa facerse a inscrición aquí.

    O mércores 21 de xullo os mozos e mozas poderán achegarse ao mundo do traballo en coiro no taller de elaboración de diferentes pulseiras. Un monográfico de dúas horas para o que hai que inscribirse na web municipal.

    ‘Dalle vida ao papel’ será o obradoiro do xoves 22 de xullo, un curso de 2,5 horas de duración no que os rapaces e rapazas aprenderá a facer diferentes cousas co papel que sobra no día a día, unha segunda oportunidade a este material co que poderán facer un cesto, unha carteira ou unha libreta ou axenda a partir de recortes. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.

    O último curso desa xornada será o de ‘Plástico Máxico’, un novo material que aterrou hai pouco tempo no mundo do feito a man sobre o que se pode pintar e que encolle e endurece cando se lle aplica calor. Con el rapaces e rapazas farán pequenas pezas de bixutería, adornos, chaveiros… Será o venres 23 de xullo e a inscrición pode facerse aquí.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.