Sábado, 3 Maio de 2025

Concello e SEA analizan as posibilidades de desenvolvemento de solo industrial no Rosal

A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, reuniuse este mércores coa alcaldesa Ánxela Fernández, co concelleiro Germán Rodríguez, técnicos municipais e redactores do PXOM para analizar posibilidades de creación de solo industrial en terreos adquiridos hai anos por Suelo Empresarial no municipio

Novos pasos de cara ao desenvolvemento industrial no Rosal. A alcaldesa Ánxela Fernández, o concelleiro Germán Rodríguez, técnicos municipais e redactores do PXOM reuníronse este mércores en Santiago de Compostela coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, nunha primeira toma de contacto para estudar as posibilidades de desenvolvemento industrial no municipio. “Demos un primeiro paso importante para abordar dunha forma seria este desenvolvemento industrial na nosa área e con este obxectivo claro hoxe comezamos a nosa colaboración con SEA”, destacou a rexedora.

SEA adquiriu terreos hai anos no Rosal co obxectivo de desenvolver un parque empresarial que finalmente non foi executado. Non obstante, actualmente existen posibilidade de desenvolvemento industrial, xa que se “percibe a oportunidade ao amparo do futuro plan xeral urbanístico e do plan de expansión de solo de SEA”, comenta a súa xerente.

“Foi unha primeira reunión interesante e frutífera, na que me comprometín a que SEA estudará e analizará de forma pormenorizada a documentación existente”, sinalou Sestayo, que realizará unha visita ao concello rosaleiro en canto se dispoñan de todos os documentos pertinentes sobre o solo dispoñible.

Deste xeito, o Concello e SEA intercambiarán a documentación necesaria para analizar os terreos a disposición e as posibilidades de actuación dentro do plan sectorial, no marco do proxecto de expansión de solo empresarial da entidade. Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., S.M.E., é unha sociedade participada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a través de Sepes; pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo;  por Abanca e pola Xunta creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia. Actualmente xestiona 13 parques na comunidade galega que suman máis de 4 millóns de metros cadrados nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra nos que se asentan máis dun cento de empresas.