Sábado, 3 Maio de 2025

Comezan as segundas xornadas de patrimonio do Rosal

O Rosal bota unha ollada ao seu pasado co celebración das II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos que se levarán a cabo durante os meses de outubro e novembro para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro e do Baixo Miño en todas as súas manifestacións, dende o material ao inmaterial, representado en gran parte polos cabaqueiros do Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida á veciñanza a participar nestas xornadas “nos que se achegarán a rosaleiros e rosaleiras aspectos fundamentais para entender O Rosal de hoxe e para valorar o traballo das nosas e nosos antepasados”.

As xornadas comezarán este mesmo martes 11 ás 20.00 horas no Centro Social Polivalente coa charla de Susana González Amado sobre ‘Cerámica para vivir e vivir da cerámica’. A ceramista, ceramóloga, divulgadora e docente achegará ao público a súa paixón por producir e ensinar, mais tamén por poñer en valor, estudar e investigar todo o referente a esta arte e ciencia, tanto na súa vertente artesanal e artística como na industrial e histórica.

González participa dende 2001 na implantación en Galicia dos primeiros estudos de Formación Profesional de Cerámica Técnica e colabora habitualmente na dinamización de museos como o de Oleiros e Brañas de Valga ou en eventos para poñer en valor os oficios do barro. De feito, será ela a pregoeira das Festas do Outono do Pilar o mércores 12 de outubro ás 18.00 horas.

Será precisamente dentro das Festas do Outono do Pilar que se celebrarán os días 11 e 12 de outubro onde O Rosal contará cunha ampla programación con xornadas de exposicións, música, monicreques, a I Feria de Produtos do Rosal, o Memorial Irmáns Flores ou a demostración do traballo dos cabaqueiros, que terá lugar o mércores a partir das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario.