11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalComezan as obras de reforma íntegra do mercado do Rosal

    Comezan as obras de reforma íntegra do mercado do Rosal

    Esta primeira fase, cun custo de máis de 207.000€, arranca o martes 12 de xaneiro e ten previsto estar rematada en menos de tres meses

    O Concello do Rosal iniciará este martes 12 de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado, unha reforma íntegra da praza de abastos para convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. “Son os primeiros pasos para que o mercado sexa un polo de atracción non soamente para a veciñanza, senón tamén para o comercio local e mesmo para novas persoas emprendedoras que ven na praza de abastos unha oportunidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.

    Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza e que os praceiros e praceiras poidan ter abertos os seus postos nun espazo alternativo mentres dure a reforma do mercado, o Concello remodelou e acondicionou a Escola Simón de Mazo para adaptalo á nova actividade. Así, dende este mesmo luns 11 de xaneiro os praceiros e praceiras xa abriron os seus postos ao público neste edificio que funcionará como mercado provisional.

    Remodelación interior

    O proxecto de reforma do mercado está enmarcado no plan de desenvolvemento local, co que o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción dunha praza de abastos como centro de dinamización económica e social da contorna”. Nesta primeira fase levaranse a cabo os traballos de remodelación interior do actual edificio do mercado, construído en 1954.

    Mentres que no exterior repararanse deficiencias e elementos deteriorados na cuberta, no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e tenda de conveniencia con espazo para venda e promoción de produtos locais.

    A remodelación é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí procedeuse á elaboración de plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.